Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- “Imos presentarlle ao presidente do Goberno de España e á Vicepresidencia Económica unha postura conxunta de Galicia e Castela-León para dotar con 250 millóns de euros máis o fondo de dispersión; para dotar cunha contía similar o fondo de densidade de poboación e para dotar cunha contía importante un fondo para a emigración. Con estes tres factores o Noroeste, Asturias, Castela-León e Galicia, estarían posicionados razoablemente no modelo de financiamento”. Así o asegurou hoxe o titular do Goberno galego, explicando que esta mesma mañá falou co presidente castelan-leonés co obxectivo de presentar ante o Goberno central estas alegacións en materia de financiamento, unhas emendas que, Alberto Núñez Feijóo considerou “pensadas, meditadas e razoadas”.
En comparecencia ante os medios, o presidente da Xunta resaltou que se trata dunha posición “solidaria e en beneficio de todas as comunidades autónomas con poboación dispersa, envellecida, cunha baixa densidade de poboación e cunha renda por debaixo da media do conxunto de España”. Coa proposta conxunta de Galicia e Castela y León, segundo Núñez Feijóo, poñeríase fin a un modelo que neste momento é “insolidario”. Nese sentido aseverou que a Comunidade galega “non vai renunciar a nada do que nos corresponde. Ninguén nos pode pedir renunciar a isto e Galicia non o vai facer”.
O xefe do Executivo autonómico insistiu en que a proposta de Galicia e Castela e León é “razoable, razoada, solidaria e sólida” e permite garantir “a igualdade na prestación dos servizos educativos sanitarios e da dependencia”. A ese respecto, amosou a súa confianza en que esta proposta “sexa tida en conta” polo Goberno central porque, dixo, non se pode “minusvalorar a 2,8 millóns de persoas e ignorar a 400.000 galegos”.
Fondo de dispersión e de emigración
Nas súas declaracións, o presidente galego referiuse a que “un factor irrenunciable” dentro do modelo de financiamento será que se incremente o fondo de dispersión en 250 millóns de euros. Nesta liña, explicou que Galicia coa proposta do Goberno central recibiría, consonte ao fondo de dispersión 216 millóns de euros, fronte aos 314 que recibía co sistema vixente.
Feijóo cualificou este feito de “especialmente grave” porque suporá que Galicia vai recibir 90 millóns de euros menos que o que recibía ata o de agora. “Faltan uns 90 millóns de euros. Iso é algo irrenunciable. Non imos baixar 90 millóns de euros por unha decisión unilateral do Estado”, asegurou o presidente da Xunta.
Na mesma liña, o mandatario galego incidiu na necesidade de que no futuro modelo compute a totalidade da poboación. Así, indicou que a proposta que presentan Castela-León e Galicia prevé un fondo para a emigración que reportaría 100 millóns de euros a Galicia. Explicou que na actualidade hai 400.000 galegos residentes no exterior, o que representa o 27 por cento de todos os españois residentes no exterior e o 15 por cento do censo de Galicia, polo que, dixo, “400.000 galegos non poden ser igual a nada. Se isto é así está claro que este sistema é insolidario”.
Feijóo insistiu en que o obxectivo da Xunta é incrementar en arredor de 190 millóns de euros a proposta formulada polo Executivo para Galicia no reparto dos fondos adicionais, situada en 590 millóns de euros para o ano 2012.
Pacto “unilateral” e financiamento “viciado”
Na rolda de prensa que ofreceu esta mañá, o xefe do Goberno galego manifestou a súa profunda preocupación tanto “pola forma como polo fondo” en que se levou a cabo a negociación do novo financiamento autonómico. Feijóo lembrou que se trata dunha “forma viciada onde uns estiveron negociando e a outros nos apartaron”, e remarcou que “non contamos cun só papel ata 48 horas antes de que se celebrase o Consello de Política Fiscal e Financeira.
O presidente da Xunta considerou que se trata dun xesto de “desconsideración absoluta e falta de respecto ás autonomías”, xa que o Goberno levou a cabo “unha negociación unilateral”. Asegurou que non se debe confundir o interese xeral cos intereses partidistas nin dividir o Estado en “accionistas” porque “non é unha sociedade anónima”. “España é un país solidario onde todos temos os mesmos dereitos en materia de sanidade, dependencia ou educación”, engadiu.
Lamentou que o Goberno de España “non estea sendo consciente da importancia de chegar a un acordo e a un pacto de Estado”. Lembrou que agora mesmo existe un pacto subscrito “por todos” e que “sería un mal resultado rachar ese pacto e ese consenso e instalarnos no desacordo”. “Temos que estar todos. Se non subscribimos todos, fracasamos”, concluíu.
“Galicia mantivo, mantén e manterá sempre o espírito de colaboración. Sempre tentamos, de todas as maneiras, dialogar”, resaltou o xefe do Executivo autonómico. Nesa liña, engadiu que “fronte á improvisación do Goberno central, nós plantexamos criterios claros, fronte ao interese partidario nós defendemos sempre o interese xeral, fronte ao disenso, nós buscamos sempre o consenso das forzas políticas e, fronte á opacidade, nós buscamos a transparencia permanente. Desde logo, fronte ao acordo con minorías, nós buscamos un acordo coas maiorías, e fronte á deslealdade permanente, nós mantemos a lealdade co Goberno da nación”.