09 julio 2009

F-009 pide al Consello da Cultura Galega que se moje con el Xacobeo

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, pediu hoxe a implicación do Consello da Cultura Galega (CCG) para encarar con éxito os retos que supoñen o Xacobeo 2010 e a Cidade da Cultura de Galicia. O titular do Goberno autonómico presidiu esta tarde a clausura dos actos do XXV aniversario do Consello da Cultura, o que definiu como unha “institución determinante e central para a cultura do país”.

Feijóo apuntou que Galicia ten por diante eses dous retos que deben servir para “abrir a nosa cultura ao mundo”, por unha parte o Xacobeo 2010 como “unha oportunidade única na próxima década para proxectarnos exteriormente”. E, por outra parte, a medio prazo, a Cidade da Cultura, “un proxecto que precisa das ideas de todos, comezando polo Consello da Cultura Galega, para rematar por ser un éxito colectivo, no que os acertos decanten a balanza sobre os desacertos”.

Así mesmo, o máximo mandatario autonómico asegurou que “a normalización en liberdade da lingua galega é unha arela colectiva que compartimos a Xunta de Galicia e o Consello da Cultura Galega”. Por ese motivo apuntou que o Goberno do país conta “para a promoción do máximo expoñente da nosa cultura –o galego- coas propostas da máxima institución estatutaria na defensa da nosa cultura: o Consello, dotado dunhas características e cunhas competencias que fan dela un exemplo único en Europa”.

Feijóo subliñou que Galicia superou as carencias de liberdade do pasado e hoxe “os galegos son como queren ser, son gobernados de acordo coa súa vontade, e sen necesidade de que ninguén mistifique os seus desexos”. Por ese motivo, o presidente galego considerou que as “misións de resistencia cívica” son hoxe innecesarias e mesmo perxudiciais “se queremos evitar que se rompan os vencellos entre unha cidadanía libre e a súa expresión cultural”.

Nese sentido, o titular da Xunta reivindicou a liberdade e pluralidade da cultura galega e apuntou que iso exixe “respecto cordial polas diferentes maneiras de entender o feito cultural, sen recorrer a un canon que nos limite, ou a un monolingüismo que tropeza coa realidade galega”.

Unha cultura plural e aberta ao mundo
Na súa intervención, o presidente da Xunta puxo en valor o carácter plural e aberto ao mundo da cultura galega, e asegurou que neste país o “provincianismo”, definido como “a incapacidade de considerar a cultura propia no contexto das culturas do mundo”, sempre tivo “un gran contrapeso cosmopolita”.

Proba desa capacidade de relación co exterior é o Camiño de Santiago, o que Feijóo cualificou como “a maior achega cultural da nosa terra ao resto do mundo”, que inseriu Galicia en Europa e fixo posible que “este país noso deixe de ser o fin do mundo para converterse nun dos seus principios”. Nese sentido, remarcou que “non foi resistindo, senón abríndose ás influencias como se modela a nosa cultura”.

O xefe do Executivo autonómico subliñou o labor desenvolvido durante estes 25 anos polo Consello da Cultura Galega, que asumiu o compromiso de “situar a identidade galega, o idioma galego, a súa cultura, os seus proxectos, as súas palabras, as súas imaxes e símbolos nun espazo de comunicación cada vez máis amplo e inclusivo, internacionalizando a nosa cultura e identidade local”.

Trátase, dixo, dunha misión na que se implicaron varias xeracións de intelectuais e persoeiros “de distinta ideoloxía e con concepcións complementarias do noso país” pero que tiñan como denominador común “o compromiso con Galicia e a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego”.

Alberto Núñez Feijóo indicou que a cultura galega experimentou unha primeira transición na que deixou de ser labrega e se converteu en urbana, e unha segunda, na que segue inmersa que se resume na súa presenza “nesa globalización que xa se anticipou co Camiño de Santiago”. O Consello da Cultura Galega, afirmou, “ten cumprido nos seus vintecinco anos de existencia un labor inestimable na segunda transición da nosa personalidade cultural”.