Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- A deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, rexistrou unha iniciativa parlamentar na Cámara Baixa, para advertirlle ao Goberno da situación da antiga Dalphimetal, empresa auxiliar de automoción, e lembrarlle que as axudas estatais otorgadas a esta empresa ao abeiro do Plan Integral da Automoción están suxeitas ao mantemento dos postos de traballo.
A deputada do BNG refírese na súa iniciativa a unha empresa auxiliar de automoción, en alusión á antiga Dalphimetal actualmente denominada TRW Automotive, que se está a plantexar deslocalizacións a outros centros de traballo de fóra.
Davila pregunta ao Goberno polas axudas otorgadas a esta empresa
A parlamentar nacionalista lembra ao Goberno que empresas como a mencionada pediron axudas ao Ministerio de Industria dacordo á Orde ITC/21/2009, de 16 de xaneiro, na que se “establecen as bases reguladoras e se efectúa a convocatoria das axudas para a realización de actuacións no marco do Plan de Competitividade do Sector da Automoción”.
Davila sinala que o Ministerio de Industria aprobou as axudas solicitadas, e sempre se dixo que “estaban condicionadas ao mantemento dos postos de traballo”.
Razón pola que a deputada do BNG dirixe unha serie de preguntas ao Goberno. “Recibiu esta empresa de automoción algunha das axudas? Considera o Goberno que é compatíbel a recepción destas axudas con planos de deslocalización ou co despedimento de traballadores? Que medidas vai adoptar o Goberno no caso de que estas empresas non cumpran o establecido?”.
A deputada do BNG fai alusión ás manifestacións realizadas por traballadores da antiga Dalphimetal, que recordaron á dirección a empresa que as axudas recibidas están condicionadas aos postos de traballo. Según explicaron, o Plan industrial da empresa contempla un excedente de 76 traballadores até final de ano e doutros 25 até o 2010.