10 julio 2009

La Xunta bendice los pimientos de Herbón (que no de Padrón) con la D.O.P.

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a Orde da Consellería do Medio Rural pola que se aproba o Regulamento da Denominación de Orixe Protexida Pemento de Herbón e do seu Consello Regulador, e se nomea o Consello Regulador Provisional.

Con este trámite, e coa posterior publicación no Boletín Oficial del Estado (BOE) do Prego de Condicións deste produto, acadarase a súa protección a nivel estatal, en tanto non se produce a súa inscrición definitiva no Rexistro Europeo de Denominacións de Orixe e Indicacións Xeográfica Protexidas, actualmente en fase moi avanzada de tramitación. Co rexistro definitivo, que se producirá nos vindeiros meses, acadarase a súa protección a escala europea.

Con isto cólmase unha vella aspiración dos horticultores e horticultoras da comarca padronesa, que levan reclamando, desde os inicios da década dos oitenta, algún tipo de protección para este produto, cuestión que sempre tropezou con trabas legais derivadas do rexistro da variedade de pemento “Padrón” como denominación comercial.

Realidade histórica
A solución adoptada de rexistrar a denominación de orixe como “Herbón”, ademais de solventar este problema legal, responde a unha realidade histórica: de antigo os pementos “de Padrón” tamén eran coñecidos como “de Herbón”, ao ser esta parroquia padronesa onde se iniciou o cultivo deste pemento e onde aínda hoxe ten maior intensidade.

O cultivo do pemento en Galicia asóciase ás sementes traídas de América polos monxes franciscanos ao convento de Herbón no século XVII. Inicialmente este produto usábase moído para sazonar os pratos en substitución da pementa, de orixe asiática, sendo a súa forma de consumo actual máis recente, tras a selección daquelas prantas que producían pementos menos picantes.

Con esta denominación de orixe os agricultores desta zona poderán comercializar o seu produto cunha identificación específica que por un lado evitará a competencia desleal dos doutras procedencias, case sempre afastadas, como o levante español ou Marrocos, e, por outro, facilitará aos consumidores a súa localización no mercado.

Zona de produción
A zona de produción destes pementos (concellos de Padrón, Dodro e Rois, na provincia da Coruña, e de Pontecesures e Valga, na de Pontevedra) está conformada por un conxunto de vales delimitados polo curso baixo do Ulla e o Sar, protexidos por varias serras e a península do Barbanza, nos que se dan unhas condicións de clima (con escasas oscilacións nas temperaturas e baixo risco de xeadas) e de solo (moi fértiles e con boa drenaxe) que a fan moi adecuada para este cultivo.

De acordo co seu regulamento, o control e certificación dos pementos desta denominación de orixe van ser realizados polo Instituto Galego da Calidade Alimentaria, Ingacal, que xa ten avanzados os traballos para que parte da produción deste ano xa poida levar a contraetiqueta identificativa.

Ademais, mediante esta Orde tamén se nomea, de acordo coa petición do sector, aos compoñentes do Pleno do Consello Regulador provisional, encargado de poñer en marcha a denominación de orixe ata que se celebren eleccións entre os agricultores e envasadores que se inscriban.