A GUARDA- GOIAN (MORRAZO-TRIBUNA).- O próximo sábado día 11 de Xullo o BNG celebrará na Alameda de Goián a XI edición da Festa Nacionalista do Baixo-Miño. No acto que se iniciará ás 20 horas participará o Portavoz Nacional do BNG, Guillerme Vázquez, o Responsábel Comarcal, Xosé Manuel Méndez e a Alcaldesa de Tomiño Sandra González . Como en anteriores edicións haberá postos de comida e bebida e contará coas actuacións dos grupos de música Decanato Ailalelo e Os Treboeiros de Muimenta .
Esta festa enmárcase dentro dos actos previos que o BNG organiza por todo o país con motivo do Dia da Patria Galega que terá como acto central a xa tradicional manifestación do 25 de Xullo polas rúas de Compostela.
Movámonos polo noso idioma e polo emprego é o lema escollido nesta ocasión polo BNG para conmemorar o 25 de Xullo. Con este lema pretenden os nacionalistas facer un chamamento a participación da sociedade para dar resposta ás agresións que está levando adiante o PP dende a Xunta de Galiza contra o noso idioma e ao mesmo tempo reclamar políticas que favorezan un emprego digno no país e alternativas fronte a crise ante a inoperancia que está a demostrar o PP desde o inicio da lexislatura.