08 julio 2009

la Xunta empieza a soltar cuartos para emplear a parados sin subsidio

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-
A Consellería de Traballo e Benestar vén de distribuír os primeiros 9,1 millóns do plan especial para contratar desempregados que esgotaran xa as súas prestacións e subsidios por desemprego. Trátase da desconcentración de crédito cara ás delegacións territoriais da primeira fase do proxecto. A segunda ampliación de fondos terá lugar na segunda quincena de xullo, tal e como xa anunciou a titular do departamento, Beatriz Mato.

Os fondos distribuíronse nas diferentes delegacións territoriais dun xeito directamente proporcional ao número de persoas paradas e a evolución do paro rexistrado entre 2004 e 2008, e inversamente proporcional coa evolución da poboación no citado período.

Deste xeito, Pontevedra recibirá 3,8 millóns; A Coruña, 2,9; Ourense, 1,5; e Lugo 732.418 euros. Despois deste paso, os concellos poderán iniciar os trámites de contratación esta mesma semana.

Estes nove millóns pertencen á primeira fase do plan, que conta cun orzamento de 13,1 millóns, distribuído entre concellos (9,1 millóns) e administracións públicas distintas da local, universidade e entidades sen ánimo de lucro (4 millóns). O resto do orzamento –ata os 30 millóns do plan- establecerase na segunda quincena de xullo.

Este programa ten como destinatarios ás persoas paradas que houbesen consumisen a totalidade das prestacións e subsidios por desemprego aos que tiñan dereito.

As contratación dos desempregados realizarase en actividades vinculadas a novos xacementos de emprego que lles ofrezan maiores oportunidades de readaptación no ámbito laboral. En concreto, os contratos estarán dirixidos á prestación de servizos en materia medioambiental, social, cultural, de protección civil e de servizos administrativos de informática e novas tecnoloxías.

A duración dos contratos oscilarán entre os 6 e os 9 meses, de modo que facilitarán unha práctica profesional adecuada para a súa posterior reinserción laboral.

Este plan emprega o mesmo instrumento que o plan de cooperación local –cun orzamento de 34,8 millóns de euros e que permite a contratación, xa en marcha, de 3.900 persoas-, aínda que son partidas orzamentarias diferenciadas con destinatarios tamén distintos.

Trátase, pois, dun “gran esforzo”, xa que entre o plan de cooperación e esta partida extraordinaria estase a falar dun montante de preto de 65 millóns de euros, achegados por parte da Consellería de Traballo e Benestar para frear o paro e reincorporar no mercado laboral a quen máis o necesita.

A celeridade coa que se levaron a cabo todas as fases responden á urxencia fixada polo Goberno para atender á grave situación do desemprego.