Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-“A Xunta de Galicia está dedicando tempo, enerxía e medios a dar oportunidades aos colectivos con dificultades de acceso ao mercado laboral”, asegurou hoxe o presidente da Xunta, quen anunciou que o Goberno galego traballa xa na posta en marcha do I Plan integral para as persoas con discapacidade. Consonte explicou, este Plan será “un instrumento eficaz para normalizar a integración das persoas con minusvalía, actuar sobre o sistema de protección social e garantir a coordinación das distintas administracións e organismos implicados”.
O xefe do Goberno galego defendeu o emprego como “primeira medida social” porque non existe mellor política de distribución da riqueza e de eliminación das desigualdades sociais que establecer “unhas condicións xerais que permitan a todas as persoas acceder nas mellores condicións ao mercado de traballo”.
Durante o acto de inauguración en Santiago da nova planta de lavado de Fundosa Lavanderías Industriais (Flisa), pertencente ao grupo de empresas da Fundación ONCE, Feijóo resaltou que se o emprego é o medio de vida da inmensa maioría dos cidadáns e o cauce normal de integración na sociedade, no caso das persoas con discapacidade ocorre o mesmo, polo que “temos que incentivar a súa contratación”. Trátase, engadiu, de algo sempre importante, “pero máis na situación de recesión económica na que nos atopamos”, xa que, ao seu ver, “a sociedade actual non pode prescindir de ninguén”.
Ao mesmo tempo, o máximo mandatario autonómico avogou por traballar tamén na creación de “conciencia social sobre a discapacidade”, algo que ten que “transcender da xenerosidade do ámbito familiar a todos e cada un dos espazos da vida comunitaria”. Asegurou que este é o gran reto que temos por diante e remarcou que as persoas con discapacidade contan coa solidariedade e coa implicación activa da Xunta de Galicia, non como unha concesión, senón como unha actitude orixinada no feito compartido da nosa condición humana.
Asegurando que “unha das obrigas dos poderes públicos e privados é combater a desigualdade e a exclusión”, o titular do Goberno galego avanzou que cada un dos colectivos con dificultades de acceso ao mercado laboral (mulleres, mozos, parados de longa duración, emigrantes, inmigrantes, vítimas da violencia de xénero e persoas con discapacidade) contará “cun plan de acción especial”. Estes plans específicos, explicou, serán “debatidos e consensuados cos axentes sociais e formarán parte do Plan autonómico de emprego”.
Un proxecto exemplar que xerará emprego
O presidente da Xunta puxo en valor a importancia da planta de lavado inaugurada hoxe, un “bo proxecto”, sobre todo “polo que ten de achega á ampliación de liberdades e á plena valoración da vida dos cidadáns, sexa cal sexa a súa condición”. Por ese motivo Feijóo felicitou á Fundación ONCE e ao Grupo Fundosa
“Creando quince postos de traballo inicialmente, coa meta de alcanzar trinta novos empregos”, asegurou o máximo mandatario autonómico que Flisa “contribúe de forma notoria a incorporar ás persoas con minusvalía a unha vida digna e, sobre todo, a unha participación plena na comunidade”.