Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que o principal obxectivo do Goberno galego é facer fronte á crise e abordar o problema do desemprego, algo para o que considerou fundamental a “necesaria unidade” entre todas as forzas económicas. Durante un xantar no Club de Economía de Iñás, Núñez Feijóo remarcou que a Xunta se vai centrar no “realmente importante”, e “o importante”, aseverou, “é a situación económica; é facer fronte con todas as políticas laborais ao incremento do paro e, sobre todo, dos parados sen prestación; é, nestes momentos, falar dos temas que nos preocupan: a recesión económica, a crise económica”.
O presidente galego lembrou que a situación económica actual é o principal problema que teñen todos os gobernos e, por iso, considerou de grande importancia a oportunidade que lle ofrece o Club de Economía de Iñás para presentar as principais liñas estratéxicas do Executivo autonómico en materia económica. Nesta liña, Feijóo manifestou a súa satisfacción por participar neste foro, trasladar “as ideas do Goberno”, e, tamén, para que a Xunta coñeza de primeira man as ideas dos emprendedores. “Estou encantado de estar con persoas que cren en Galicia e, sobre todo, que en momentos de dificultade están dispostos a arrimar o ombreiro para saír a flote”, destacou.
Deste xeito, segundo explicou o mandatario galego, durante o encontro trasladoulle aos empresarios pertencentes a este Club o Plan de austeridade da Xunta, así como “o plan que temos para afrontar a crise económica” que, dixo, “lamentablemente, todo indica que non vai diminuír, ao contrario, pode incluso recruecerse no ámbito do desemprego”. “Tamén imos plantexar, por suposto”, engadiu, “as distintas políticas de axuda ás empresas, para manter circulante, manter a posibilidade de captar créditos; e as distintas posibilidades de incrementar o diñeiro da Xunta para apuntalar en avais o tecido produtivo e económico de Galicia”.
Necesidade dun modelo “cooperativo”
Na súa intervención o presidente galego tamén se referiu á importancia do financiamento autonómico por canto inflúe na capacidade que ten a Comunidade galega de “prestar servizos públicos de calidade, seguir vertebrando e modernizando o seu territorio e continuar competindo nun Estado cooperativo e non nun Estado enfrontado”.
“Sigo pensando que a forma correcta de relacionarse co resto de España é a cooperación e non a confrontación”, incidiu Feijóo, remarcando “que todos somos iguais, formamos un Estado e as partes que conforman o todo son iguais en dereitos e en obrigas”. A este respecto, lamentou “profundamente” que se estea abandonando “a idea de cooperación entre comunidades, de buscar modelos que nos valgan a todos” no financiamento autonómico.