10 julio 2009

Política Forestal : BNG ataca, la Xunta se defiende

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- En relación coas afirmacións do BNG sobre o suposto “descoido” da política forestal por parte da Xunta en materia de loita contra os lumes, a Consellería do Medio Rural quere puntualizar o seguinte:

1º.- O sistema de prevención e extinción de incendios forestais foi herdado polo actual Goberno da Xunta. Foi deseñado e desenvolvido polo bipartito e o equipo directivo actual da Consellería do Medio Rural non fixo senón adaptar e mellorar, dentro das posibilidades orzamentarias e o tempo dispoñible, o operativo, para acomodalo ás condicións actuais do monte galego.

2º.- Non é de recibo acusar á Consellería do Medio Rural de descoidar a loita contra o lume, cando, malia o escaso tempo dispoñible para manobrar neste asunto, diante da inminencia da época de maior risco de lumes reforzouse o operativo coa ampliación de 38 brigadas, a reorganización de 90 unidades de vixilancia e intervención, o incremento de 30 vixilantes fixos na provincia da Coruña e a apertura dunha nova base de helicópteros no municipio ourensán de O Barco de Valdeorras, o que supuxo un incremento orzamentario global de 4 millóns de euros sobre o presuposto inicial.

3º.- A Consellería do Medio Rural é perfectamente consciente de que o labor de prevención é imprescindible para garantir unha axeitada protección e defensa contra os incendios, e por iso desenvolveu, desde que o novo equipo directivo asumiu estas competencias, un intenso traballo neste sentido, cun plan preventivo que engloba accións encamiñadas a eliminar ou reducir os riscos, con actuacións sobre o territorio (accións de silvicultura preventiva, tales como mantemento de cortalumes; intervencións en estadas, camiños e sendas; desbroces e podas; dotación de axudas para xestión de biomasa en montes veciñais en man común e para construción de puntos de auga, etc.); e actuacións sobre a poboación, a través de accións de divulgación e sensibilización sobre o perigo e os custes que comporta o lume.

4º.- Como mostra das dificultades ás que tivo que facer fronte o novo Goberno galego nesta materia baste dicir que no ano 2008 a Dirección Xeral de Montes asinou distintos convenios de colaboración cos concellos para a participación na protección de núcleos rurais mediante a realización de traballos de prevención e defensa contra incendios forestais nas áreas de especial protección, e no ano 2009 a nova Dirección Xeral de Montes atopouse con que a anterior non considerou oportuno continuar con estes convenios, e polo tanto non existía ningún expediente nin orzamento disposto a tal fin, nin posibilidade de realizalo. Aínda así, establecéronse de urxencia liñas de axudas para os bordes de pistas e estradas nunha superficie lineal de algo máis de 25.000 quilómetros en total, destinándose para tal acción, e ata a data de hoxe, en torno aos dous millóns de euros.