10 julio 2009

Vigo : Olveira insiste en dar certificados de malos a PP y PSOE

Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O tenente de alcalde, Santi Domínguez, lamentou que a reunión que mantiveron onte en Madrid a ministra de Medio Ambiente e o conselleiro de Medio Ambiente sobre a depuradora rematara sen unha solución que garanta a execución desa infraestutura “vital para a cidade e a súa ría”. O nacionalista sinalou que esa xuntanza confirmou os seus peores pronósticos e demostrou que nin para o Partido Popular nin para o PSOE é unha prioridade resolver un dos grandes problemas que ten Vigo.

“A reunión só serviu para escenificar unha vez máis o desprezo do PP pola nosa cidade e a falta de compromiso do Goberno con Vigo”, asegurou. Santi Domínguez non entende como non é posible que as dúas administración acaden un acordo a respecto da depuradora de Vigo cando “noutras zonas do Estado cando hai a necesidade de contar cunha infraestrutura aparecen os cartos rapidamente e se licitan as obras a toda velocidade”. Fronte a estes feitos critica que “cando son proxectos que afectan a Vigo todo vai a ralentí e sempre aparecen problemas”.

O tenente de alcalde mantén que é “unha frivolidade insultante” o que está acontecendo coa depuradora de Vigo. Lembrou que está en xogo o futuro da Ría, un dos principais recursos que ten a cidade, pero tamén a multa da Unión Europea de 20 millóns de euros. “Non acerto a entender como diante deste escenario non é posible que se deixen a un lado os intereses partidistas e se acade un acordo que permita debloquear a construción da depuradora”, sinalou.

Santi Domínguez pregúntase onde están os deputados e deputadas do Partido Popular de Vigo. Non entende como agora non manteñen o “espíritu reivindicativo que tiñan co bipartito para reclamar á Xunta que atope unha solución”. Na súa opinión, deben “revelarse” e demandar medidas que permitan resolver o grave problema que ten nestes momentos a nosa cidade. Especialmente sorprendido amosouse coa complacencia que están mantendo a actual presidenta da Autoridade Portuaria, Corina Porro, e o voceiro municipal Chema Figueroa.

Do mesmo xeito bota en falta unha maior reivindicación por parte dos deputados e deputadas socialistas diante do Goberno do Estado. O tenente de alcalde entende que esté é o momento para que actúen na defensa dos intereses de Vigo e esixan ao Ministerio de Medio Ambiente que se acade un acordo.

Santi Domínguez asegurou que o BNG non vai permanecer impasible ante esta falta de compromiso da Xunta e do Goberno con Vigo e tanto no Parlamento galego como no Congreso vai esixir unha solución definitiva que permita axilizar a construción da depuradora de Vigo e garantir así o saneamento integral da Ría.