06 julio 2009

Tribuna Libre

Galicia ten que felicitarse
por convertirse de novo
en referente no mundo

O recoñecemento da Torre de Hércules como patrimonio da humanidade é un exemplo de como calquer iniciativa pode facerse realidade se as forzas vivas traballan nun mesmo sentido e contan coa participación da cidadanía

A Federación Veciñal “Eduardo Chao” quere felicitar á cidade de A Coruña e a toda Galicia polo recoñecemento da Torre de Hércules como patrimio da humanidade. É importantísimo para toda Galicia que a nosa comunidade conte cun novo referente a nivel mundial, que se recoñeza e poña en valor a nosa riqueza histórica e cultural e que Galicia siga traballando de cara a ocupar o lugar que lle corresponde no mundo.

Temos que salientar que a mención da Torre non sería posible sen o respaldo da cidadanía e grazas á existencia de entidades capaces de aglutinar á veciñanza e facela participar das iniciativas. Felicitamos aos milleiros de persoas que durante semanas se botaron ás rúas para expresar publicamente o seu apoio; é sen dúbida este modelo de participación, o que asenta nas bases, o único capaz de colleitar éxitos como este recoñecemento universal.

Tamén o movemento veciñal de Galicia aglutinado na COGAVE apoiou desde o principio a iniciativa de que a Torre de Hércules pasara a formar parte dos grandes tesouros da humanidade. Por iso hoxe temos que felicitarnos á cidadanía de toda Galicia e animala seguir traballando coa mesma ilusión para seguir colleitando entre todos e todas novos éxitos.

FEDERACION DE ASOCIACIONS DE VECIÑOS DE VIGO "Eduardo Chao"