11 diciembre 2008

Aviso de temporal y nieve en el interior de la provincia de Pontevedra

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- A Dirección Xeral de Protección Civil da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza informa dun fenómeno meteorolóxico adverso de nivel de alerta laranxa por neve, que afectará a partir desta tarde ao interior da provincia de Pontevedra e aos concellos de montaña da provincia de Ourense. Segundo as prediccións da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) e MeteoGalicia, agárdanse precipitacións de neve, que poderán acumular 10 centímetros de espesor arredor dos 800 ou 1.000 metros con tendencia a descender aos 600 metros ao longo do día e que se manterá nas vindeiras xornadas.

Ademais, a AEMET informa dun fenómeno meteorolóxico adverso por mar de fondo e vento en mar, que comportará a activación do nivel de alerta laranxa e que afectará ao litoral galego a partir desta tarde. O temporal no mar tenderá a arreciar a primeiras horas de mañá venres ata acadar ondas de entre 4 e 5 metros, mentres que o vento en mar rexistrará intervalos de Forza 8, especialmente ao sur das Illas Sisargas. Igualmente, o mar de vento dará lugar a áreas de mar de moi grosa a grosa con tendencia a diminuír a maruxía.

En concreto, nas augas costeiras da provincia de Lugo, o vento en mar será de compoñente oeste e acadará a Forza 4 ou 5, con posibilidade de aumentar a Forza 7 ao final do episodio, especialmente no en torno de Bares e mar adentro. Ademais, o mar de vento dará lugar a áreas de maruxía, con previsión de incrementarse ata mar grosa. No litoral da Coruña, o vento en mar será de Forza 3 ou 4, arreciando a Forza 7 entre Fisterra e Sisargas e Prior e Bares. Igualmente, haberá áreas de maruxía, que poderá aumentar a mar grosa. Por último, na provincia de Pontevedra, o vento en mar, de compoñente oeste, acadará a Forza 3-4, con posibilidade de incrementarse ata Forza 5-6 e 7 mar adentro. Nesta provincia rexistrarase tamén maruxía con tendencia a aumentar a grosa ao final do episodio.

Igualmente, cómpre destacar as previsións meteorolóxicas previstas para a xornada do sábado, que anuncian precipitacións de neve, que poderán acumular 10 centímetros de espesor nos concellos de montaña da provincia de Lugo, onde se agarda un descenso da cota. Tamén, na provincia da Coruña, se rexistrará un risco baixo de choivas e refachos de vento en terra, que acadarán nalgúns casos os 80 kilómetros hora.

A Dirección Xeral de Protección Civil, a través do Servizo de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, alertou aos concellos situados a cotas superiores aos 500 metros de altitude das provincias de Ourense e Pontevedra, así como ás Deputacións provinciais, á administración xeral do Estado e do Goberno autonómico e ás empresas que pola súa actividade se poidan ver afectadas. Ademais, desde o 112 informouse da situación no mar aos concellos costeiros e aos clubs náuticos das provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra.

Por outra banda, a Dirección Xeral de Protección Civil quere recordarlle á poboación a importancia de seguir as medidas de autoprotección, así como extremar a precaución nas estradas, manter o depósito do vehículo cheo e antes de realizar calquera desprazamento informarse do estado da rede viaria nas canles de comunicación que mantén abertas ao cidadán a Dirección Xeral de Tráfico. En canto á situación no mar, aconséllase á poboación evitar achegarse a diques ou rompentes co fin de previr un eventual golpe de mar, que poida arrastrar persoas ou vehículos.

Por último, a Dirección Xeral de Protección Civil recomenda consultar a información meteorolóxica actualizada na páxina web do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia (www.112galicia.org).