COMPOSTELA (MORRAZO-tribuna).- O portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, participou na presentación do libro "Vontade de nación: unha conversa con Anxo Quintana", de Xosé Luís Barreiro, editado por Difusora e no que se ofrece unha visión persoal, da traxectoria política e do pensamento do líder nacionalista a través de entrevistas mantidas co escritor na súa vila natal de Allariz.
Tal e como destacou o propio Quintana, o libro aborda estas tres vertentes e toca varios temas de actualidade, como a lingua, a situación política galega ou a crise económica.
Nestes tres temas, o líder nacionalista quixo dar un avance do que se pode atopar no libro e explicou que, tal e como se recolle na obra, o BNG "leva o camiño ineludíbel de converterse no grande partido nacionalista do século XXI. Constitúe a conformación das vontades de crear país que teñen moitos galegos e galegas, e a súa expresión política, o partido galeguista do sećulo que vivimos".
O vicepresidente da Xunta opinou, ademais que en Galiza "sería moi importante que a evolución natural servira para permitir un diálogo entre as tres grandes forzas políticas que permitira chegar a acordos programáticos en ámbitos conxunturais. Debería existir un panorama que posibilitase eses acordos mais, existe unha deficiencia, xa que o acordo só é posíbel entre dúas forzas e o défice vén da forza que non é capaz de chegar a acordos. Iso non é bo para o país".
Anxo Quintana destacou como unha das súas máximas preocupacións outro dos temas recollidos no libro: a situación do noso idioma e avogou por "non criminalizar a aqueles que defenden o galego en todo trance", ao tempo que dirixíu duras críticas á "minoría ultraminoritaria que quer levantar barreiras que impidan que cidadáns se pasen ao galego. O obxectivo político ten que pasar por defender o dereito a utilizar mecanismos de sedución para que cada vez máis galegos utilicen a súa lingua con normalidade".
Sobre a actual situación de crise económica, o líder nacionalista salientou que "queda en evidencia que a política convencional non serve e o que fan falla son políticas alternativas. O que os cidadáns buscan son proxectos políticos como o do BNG, popular pero non convencional".
Libro sobre o nacemento do BNG
O portavoz nacional repasou os distintos apartados da publicación na que se ve reflectido como "unha persoal normal, un rapaz de Allariz que medra mesturando o coñecemento do mundo rural co urbano de Vigo, onde estudei".
Quintana detívose de xeito especial na parte do libro que trata a súa traxectoria política e asegurou que quixo facer "un canto aos bloqueiros, porque constitúen unha parte da historia de Galiza que merece ser estudada e explicada máis en profundidade. Algúns nacimos ao compromiso político nun momento en que non esperaban por nós", explicou.
Asi, en opinión do líder nacionalista, está por facer o libro que explique o que pasou na militancia nacionalista a finais dos 70 e principios dos 80 e o nacemento dunha forza "que se construíu co esforzo e a vontade democrática da xente que pensou que Galiza tiña que ter unha forza política propia".
O vicepresidente da Xunta asegurou que o libro transcribe a idea dun "proxecto nacionalista con vocación maioritaria, hexemónica, cunha perspectiva transformadora. Un proxecto que vai un pasiño por diante da xente".