MADRID (MORRAZO-tribuna).- A Comisión de Entidades Locais do Senado aprobou esta tarde unha moción do senador do BNG, Xosé Manuel Pérez Bouza, pola que se insta ao Goberno a compensar aos concellos que viron reducida a recadación do IBI pola nova valoración catastral dos encoros, unha situación que está a prexudicar a moitos concellos galegos. A iniciativa foi aprobada por todos os partidos e só contou co voto en contra do PSOE.
Xosé Manuel Pérez Bouza explicou que a aplicación do Real Decreto 1464/2007, de 2 de novembro, polo que se aproban as normas técnicas de valoración catastral dos Bens Inmobles de Características Especiais (BICES) “está a prexudicar a moitos concellos galegos, especialmente da provincia de Ourense, que tiñan como unha importante fonte do ingresos o Imposto de Bens Inmobles (IBI) que cobraban polos grandes encoros situados no seu territorio”.
“Sen embargo –denunciou- coa nova Lei redúcese considerabelmente a valoración que fai Catastro dos grandes encoros de máis de 30 anos, a maioría dos que hai na provincia de Ourense, e ademais, os concellos non poden recorrer a ponencia de valores que fai Catastro”.
A modo de exemplo, o senador do BNG puxo o caso de Castrelo de Miño: antes da aplicación do Real Decreto 1464/2007 percibía 200.000 euros en concepto de IBI polo encoro situado no concello, e coa nova reforma só percibe 40.000 €”.
Puntos da moción
O moción do BNG aprobada hoxe no Senado insta ao Goberno a realizar as seguintes actuacións:
1. Compensar economicamente aos concellos que viron minguados os seus ingresos por IBI debido á minoración na valoración dos seus BICES derivada da aplicación do Real Decreto 1464/2007, de 2 de novembro, a fin de garantir o principio de suficiencia financeira consolidada que tiñan estes concellos conforme ao artigo 140 e 142 da Constitución Española, aprobando e habilitando para elo as partidas necesarias nos Orzamentos Xerais do Estado para 2008.
2. Modificar a Lei de Facendas Locais, Texto Refundido aprobada polo Real Decreto Lexislativo 2/2004 de 5 marzo, que garanta un reparto máis equitativo no IBI-BICES de xeito que non prexudique os ingresos dos municipios.
3. Modificar o artigo 232 da Lei 58/2003 Xeral Tributaria, apartado 2, letra e) eliminando “....así como calquera outra entidade polo mero feito de ser destinataria dos fondos, xestionados mediante dito acto”.
A petición do PP, Xosé Manuel Pérez Bouza aceitou retirar un cuarto punto sobre a inclusión dos parques eólicos nas valoracións dos BICES ao entender que Catastro xa está a realizar as ponencias de valores sobre estes bens.
O senador do BN subliñou que a moción aprobada hoxe “é de xustiza, é legal e posíbel, máxime cando os pequenos concellos están nunha situación grave de falta de financiamento e cando nos últimos meses o Goberno modificou moitas regras ante a crise económica”.