VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, avogou hai unhas horas por manter a “presión política” para que o AVE chegue a Galicia no ano 2012 e para que se amplíe a autopista AP-9 na entrada da Coruña, de Vigo e nas circunvalacións de Santiago e Pontevedra. “Fronte á incredulidade, paréceme vital manternos firmes. Se renunciamos a este pressing, a este diálogo político, teríamos un problema. Hai que manter este pulso, esta presión política porque Galicia o necesita”, manifestou o máximo mandatario galego no transcurso do coloquio organizado en Santiago pola Asociación para o Progreso da Dirección (APD).
Pérez Touriño remarcou que a chegada da Alta Velocidade a Galicia está comprometida para o ano 2012 e asegurou que non dará “nin un paso atrás” no cumprimento deste prazo. “Trátase dun obxectivo ambicioso, si, pero se o abandonemos non será posible que o AVE chegue en tempo e forma á Comunidade”, afirmou o presidente galego.
No transcurso da súa intervención, o titular da Xunta explicou que os treitos entre Santiago e Ourense e entre Zamora e Valladolid están nun estado avanzado de execución e relatou que é o treito central, o que unirá Zamora e Ourense, está a punto de poñerse en marcha. Touriño explicou que este treito está composto, a súa vez, por 9 subtreitos e adiantou que a ministra de Fomento, Magdalena Álvarez, está a punto de asinar o convenio con Seittsa, a Sociedad Estatal de Infraestruturas del Transporte Terrestre, para licitar estes subtreitos. “Hai recursos porque os Presupostos do Estado reservan 2.000 millóns para infraestruturas. As partidas existen e a vontade tamén. Se licitamos xa, o ano que ven teremos todo contratado, en obra ou en servizo e a partir de aí quedaría computar prazos, acelerar o traballo e as inversións os 4 anos que faltan para acadar o obxectivo”, explicou Touriño quen insistiu en que, o ano 2009, todo o AVE galego debe estar en execución.
AP-9, unha ampliación imprescindible
No transcurso da súa intervención, o presidente galego asegurou que a ampliación da autopista AP-9 é unha actuación “imprescindible” e amosou a súa seguridade de que o proxecto se acometerá. “Galicia non pode permitirse o luxo de ter unha AP-9 tan sobrecargada”, afirmou Pérez Touriño.
“O que máis me preocupa da AP-9 é que a temos que ampliar. É unha demanda prantexada como presidente, que foi presentada ao Goberno de España, ao seu presidente, que a asumiu”, reiterou Touriño, quen destacou a necesidade de ampliar esta vía á entrada de Vigo, da Coruña e nas circunvalacións de Santiago e Pontevedra. “Estas ampliacións teñen proxecto e son realizables en un prazo curto. Trátase de obras necesarias e complementarias ao desdobramento total da autopista que tamén temos prantexada”, engadiu o presidente galego.
Unha nova ordenación do territorio
No transcurso da súa intervención, o máximo mandatario galego asegurou, ademais, que o seu Executivo está a cambiar a “accesibilidade, a ordenación do territorio”. “Galicia acumulou ata este Goberno 204 quilómetros de vías de alta capacidade; pois ben, ata final de lexislatura concluiremos outros novos 205 e, nos próximos catro anos, estou seguro de que poremos en servizo 400 quilómetros máis, adicionais. Pasaremos, ademais, de só 27 quilómetros libres de peaxe a case 600 “, asegurou Pérez Touriño quen afirmou que estas cifras son as dun “novo país”.
O titular da Xunta explicou, ademais, que non se trata dun “reinado do cemento”, senón do reinado da “inversión produtiva”. “Estamos facendo autovía e vías de alta capacidade desde a AP-9, facéndoa capilar coa costa galega de tal xeito que, desde a autopista, haxa vías e autoestradas que conecten coa costa desde Estaca de Bares ata A Guarda. Isto xerará produtividade e emprego”, afirmou.
Pérez Touriño aproveitou a súa presenza no coloquio organizado pola APD para anunciar que a Autovía do Barbanza entrará en servizo o vindeiro 15 de decembro, antes do prazo previsto na concesión das obras. O presidente galego asegurou que se trata dunha “boa noticia” e dunha infraestrutura moi esperada xa que se viña dunha situación de “gran inseguridade”.
O presidente galego explicou, ademais, que haberá unha nova autovía que unirá Ferrol con Lugo, Ourense e a fronteira portuguesa a través de Verín e Chaves e asegurou que a Autovía do Cantábrico, a parte galega, entrará toda en servizo en 2010 a excepción dun treito en Mondoñedo. “Imos facer unha cuarta autovía de conexión coa Meseta, a de Valdeorras, polo que a nosa aspiración é que Galicia dispoña de dúas conexións con Portugal e catro coa Meseta”, resumiu Pérez Touriño quen afirmou que, cando se rematen estes proxectos, Galicia será un dos territorios mellor conectados de Europa.
Aposta polo sector da automoción
No transcurso do coloquio, o presidente galego fixo un repaso as axudas aprobadas para o sector da automoción e explicou que se está a traballar en tres frontes: o galego, o español e o europeo; e asegurou que as decisión tomadas están proxectadas para axudar a todo o sector e non só aos produtores. Pérez Touriño destacou, así, a aprobación por parte da Xunta dunha liña de 10 millóns de euros que se dedicarán a financiar actividades de formación dos traballadores que estean afectados por un paro na produción. O titular da Xunta lembrou, tamén, como Santiago de Compostela acolleu hai uns días a primeira xuntanza entre o Ministerio de Industria e as comunidades autónomas con fábricas de produción de automóbiles, unha reunión na que se aprobou a posta en marcha dun Plan Integral do Automóbil que se porá en marcha en xaneiro.
Pérez Touriño salientou, ademais, a aprobación duns seguros mediante os cales a Xunta avalará aos galegos en risco de perda de emprego que queiran comprar un coche o reformar a súa vivenda. “Trátase dunha decisión que vai na dirección de activar o consumo”, explicou o presidente galego.