14 diciembre 2008

Pablo Milanés participou nunha homenaxe a Curros Enríquez e Lorenzo Varela

LUGO (MORRAZO-tribuna).- O cantautor cubano Pablo Milanés participou este mediodía de sábado en Monterroso nunha homenaxe organizada pola Secretaría Xeral de Comunicación e o concello lugués aos poetas e periodistas galegos Curros Enríquez e Lorenzo Varela. No acto participaron ademais, o secretario xeral de Comunicación, Fernando Salgado, o alcalde do concello de Monterroso, Antonio Gato, así como o profesor Gregorio Ferreiro, o catedrático Alonso Montero e José Ángel García López, autor do último libro sobre Lorenzo Varela. Ademais de Pablo Milanés, o acto estivo amenizado polo grupo A Quenlla con Mini e Mero e por Emilio Batallán.

Na súa intervención, o secretario xeral de Comunicación primeiramente agradeceu a presenza en Monterroso “dunha das voces máis poderosas de América Latina”. Así mesmo, trazou un paralelismo entre Curros Enríquez e Lorenzo Varela, existente, sobre todo, na súa poesía, “unha poesía civil, de combate”.
Fernando Salgado destacou que Lorenzo Varela “é capaz de facer milagres, ou, cando menos, inducilos”. Así referiuse a unha das últimas viaxes do presidente da Xunta a Arxentina na que presentou no Tortoni unha biografía do poeta monterrosino. Sorprendentemente, destacou Fernando Salgado, autor daquela biografía, o acto contou coa presenza do gran escritor Ernesto Sábato, no que sería a súa última intervención pública. Sábato quixo estar, expuxo, “para render homenaxe ao seu amigo Lorenzo Varela e a todos os exiliados galegos.

O segundo dos milagres, explicou o secretario xeral de Comunicación, “produciuse hoxe, pois contamos coa presenza dunha das voces máis poderosas de América Latina e tamén coas actuacións de Mini e Mero co seu grupo A Quenlla e Emilio Batallán, quen mellor musicaron a Curros Enríquez e Lorenzo Varela”.

Na súa actuación, Pablo Milanés interpretou xunto a Emilio Batallán dúas pezas en galego, Do mar pola orela, poesía que Curros dedicou a Rosalía e O maio.

Por último, Fernando Salgado referiuse á vinculación existente entre ambos os xornalistas con Cuba, a terra de Pablo Milanés. Así, recordou a morte de Curros en 1908 en La Habana e o gran festival de poesía organizado por Lorenzo Varela en 1946 no que participaron grandes poetas como Rafael Alberti, Pablo Neruda ou Nicolás Guillén, entre outros.

Homenaxe a Curros Enríquez e Lorenzo Varela
O profesor Gregorio Ferreiro explicou que a homenaxe que a Secretaría Xeral de Comunicación e o concello de Monterroso organizaron responde a que en 2008 se cumpren 100 e 30 anos respectivamente da morte de Curros e Varela. “Ambos foron poetas, xornalistas e persoas comprometidas co momento histórico que lles tocou vivir”. “Falamos de dous grandes humanistas que entenderon que podían contribuír a que o mundo fose mellor”, destacou.

José Ángel García López, pola súa banda, foi o encargado de presentar o libro Repertorio Bibliográfico de Lorenzo Varela. Trátase, segundo relatou, dunha chave para que os estudosos teñan referencias sobre a súa obra e análises, así como sobre os comentarios e traballos que esta suscitou.

Como novidades, o volume recolle as colaboracións de Lorenzo Varela en volumes de arte, artigos sobre literatura galega ou traducións do francés ou do portugués, entre outros.