PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).-O presidente galego, Emilio Pérez Touriño, reafirmou o compromiso do seu Goberno coas pemes e destacou que, en 2009, vanse mobilizar 2.000 millóns de euros como apoio ao financiamento empresarial, unha cantidade que suporá un investimento asociado de 3.100 millóns. O máximo mandatario galego asegurou que este cifra supón case o dobre do investimento inducido nos once primeiros meses de 2008.
Emilio Pérez Touriño salientou, no transcurso dunha cea da Asociación de Empresarios da Pequena e da Mediana Empresa de Pontevedra, que o fomento do espírito empresarial e da cultura emprendedora son dous obxectivos “prioritarios” do Goberno que preside e sinalou que, en tempos de dificultade, son fins “dobremente prioritarios”. O presidente da Xunta asegurou, ademais, que época de crise haberá máis apoios financeiros e estímulos aos emprendedores.
No transcurso da súa intervención, o máximo mandatario galego destacou que Galicia é “pioneira” en tomar medidas para garantir o financiamento ás empresas e salientou
que fomos a primeira comunidade en asinar convenios co ICO e o Banco Europeo de Investimento e en fechar acordos coas entidades financeiras e as sociedades de garantía. “Os convenios co ICO incrementaron en 650 millóns de euros as dotacións para activar proxectos empresariais e os acordos co BEI elevaron en 500 millóns a liña de préstamos diferenciais”, explicou o presidente galego.
Pérez Touriño salientou, ademais, o feito desde principios de ano e explicou que, nos dez primeiros meses, o apoio financeiro da Xunta ás empresas acadou os 572 millóns de euros, cun investimento asociado de 1.600 millóns.
Medidas a prol do emprego e da licitación de obra pública
No transcurso da súa intervención, o presidente da Xunta destacou as medidas postas en marcha polo seu Goberno para evitar a destrución de emprego e salientou que o ano que ven haberá 100 millóns de euros para que 20.000 galegos se beneficien de programas ligados ao fomento do emprego, á formación, á cualificación profesional e á mobilidade cara aos sectores con maior demanda laboral. O máximo mandatario galego subliñou, ademais, a posta en marcha de plans sectoriais dirixidos aos traballadores da automoción, do téxtil, da construción, da lousa e do sector lácteo e gandeiro que, xunto a outras axudas para incentivar o autoemprego, suman un orzamento conxunto de 33 millóns de euros.
Pérez Touriño destacou a envergadura do plan de licitación de obra pública posto en marcha o pasado mes de xaneiro como unha das primeiras medidas anticrise aprobadas polo Goberno galego e asegurou que este plan entrou xa “en rexistros inéditos, históricos”. “Por primeira vez, pecharase un exercicio por enriba dos 1.000 de euros”, afirmou.