Na 1ª asemblea do consorcio europeo Aspect
A elite europea da tecnoloxía da aprendizaxe electrónica reúnese no campus de Vigo
O grupo vigués de Enxeñaría de Sistemas Telemáticos é un referente a nivel internacional
VIGO/PONTEVEDRA (D. Besadío | Diario da Universidade de Vigo)
A elite europea das tecnoloxías da aprendizaxe electrónica, cincuenta expertos procedentes de dezaseis países, deuse hoxe cita na ETS de Enxeñeiros de Telecomunicación. Fixérono na 1ª asemblea xeral do consorcio Aspect, unha Best Practice Network que forma parte do programa eContentPlus da Comunidade Europea, unha iniciativa dotada cun orzamento de 4,62 millóns de euros.
Esta rede de traballo está formada por representantes de 22 institucións europeas e a Universidade de Vigo e, máis concretamente, o grupo de Enxeñaría de Sistemas Telemáticos, que ostenta a representación española.
Aspect é unha das dúas Best Practice Network que están activas no eido dos contidos educativos e neste caso os parceiros do consorcio representan a expertos internacionais de primeiro nivel, autores de especificacións e estándares internacionais.
“É unha rede que aínda está nos seus inicios, pois leva en funcionamento só seis meses, pero os obxectivos son moi ambiciosos e, de feito, ten un seguimentos dos investigadores internacionais moi relevante” sinalaba momentos antes de iniciar o encontro o profesor Luis Anido, director do grupo de Enxeñaría de Sistemas Telemáticos e investigador anfitrión.
Durante dous días os expertos tratarán de debater sobre cales das especificacións que están agora sobre a mesa neste ámbito pode resultar máis útil desde o punto de vista práctico. Ademais, segundo apuntaba Anido,“tamén teremos sesións máis prácticas para tratar de pór en común as actividades que desenvolveron durante os primeiros meses de traballo”.
Entre os participantes no encontro cómpre destacar a Erik Duval, profesor da Universidade Católica de Lovaina en Bélxica e editor técnico de LOM, Learning Object Metadata, o primeiro estándar de tecnoloxías educativas que foi aprobado polo IEEE; así como, de Jan Pawlowski, referencia internacional en temas de calidade para a educación e actual presidente do grupo de estandarización de tecnoloxías educativas do Comité Europeo de Normalización.
Acollida institucional
Para recibilos achegáronse ata a escola viguesa o actual director xeral de I+D+i, Salustino Mato; o director do Centro Tecnolóxico das Telecomunicacións de Galicia, Fernando Pérez e o vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area. Os tres loaron os traballos previos feitos polo grupo de Anido no que se refire á estandarización das tecnoloxías educativas e da aprendizaxe electrónica en xeral. “O primeiro equipo español ao que lle aceptaron un artigo na World Wide Web Conference, organizada pola World Wide Web Consortium, os inventores da web, un proxecto que logo tivo como recompensa ser seleccionado como o mellor traballo no ámbito educativo”, subliñaba o vicerreitor.
Pola súa banda, o director de Gradiant, ademais de presentar o centro, subliñou que “conseguir estándares e mellores practicas no e-learning non é soamente importante, senón absolutamente necesario”, un aspecto no que coincidiu co director xeral de I+D+i, que foi o encargado de presentarlles brevemente o panorama investigador en Galicia e o Plan In.ci.te (Investigación, Ciencia e Tecnoloxía).
O grupo vigués lidera o panorama nacional en e-learning
O grupo de Enxeñaría Telemática da Universidade de Vigo é un referente a nivel estatal e internacional. Participou no desenvolvemento de cinco normas europeas e son responsables do Learning Technology Standard Observatory, o observatorio para a estandarización das tecnoloxías educativas, que é o observatorio oficial do Comité europeo de normalización que se desenvolveu e se mantén dende a Universidade de Vigo.
Na actualidade o grupo está composto por arredor de 20 investigadores que traballan en temas de tecnoloxías educativas sobre diferentes contornas, non soamente sobre pc, senón tamén outros dispositivos como pode ser móbil ou televisión. “Estamos tamén abordando dominios nos que a introdución das tic é moi reducido, como pode ser a educación infantil, mesmo por debaixo dos tres anos, e xente maior”, explicaba Anido, quen tamén tratou de incidir naqueles ámbitos nos que as Tic e o uso das tic para a educación non tiña unha penetración moi relevante.
Na actualidade están inmersos en varios proxectos nacionais, un par de proxectos galegos e entre oito e dez proxectos con institucións e entidades privadas, todos eles no ámbito da aprendizaxe electrónica.