Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asistiu durante a fin de semana a un total de 101 persoas debido a 68 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas. O período contabilizado comprende dende as 15:00 horas do venres, 12 de xuño, ata as 23:59 horas do domingo, 14 de xuño. O maior número de atencións por sinistros rexistráronse o sábado con 30 accidentes.
A Central de Coordinación do 061, que xestiona e coordina os servizos prehospitalarios en casos de urxencia e emerxencia en toda Galicia, recibiu nestes días 84 chamadas en relación con accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 68 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061 que atenderon a un total de 101 persoas.
A proporción de homes atendida foi do 67 por cento e a de mulleres do 33 por cento. Nas idades dos feridos, obsérvase que un 39 por cento dos atendidos ten entre os 15 e os 29 anos.
Por provincias, Pontevedra foi a que rexistrou máis accidentes con 34 sinistros, durante os desprazamentos destas datas.
Provincia Accidentes
A Coruña 25
Lugo 3
Ourense 6
Pontevedra 34
Galicia 68
Os recursos sanitarios mobilizados polos médicos que atenderon as chamadas na Central de Coordinación do 061 foron 89. Así, as UVI móbiles mobilizáronse en catro ocasións, o helicóptero medicalizado acudiu a un sinistro, as ambulancias asistenciais mobilizáronse en 76 accidentes; as concertadas nun caso e os médicos de Atención Primaria que medicalizan as ambulancias asistenciais do 061, no caso de necesitalo, prestaron asistencia sanitaria noutros sete sinistros.
En 76 casos os feridos foron trasladados aos centros hospitalarios correspondentes e en 13 ocasións ao centro de saúde ou Punto de Atención Continuada de Atención Primaria mentres que 11 persoas lesionadas foron atendidas no propio lugar do incidente sen necesitar traslado, e unha falecu no lugar do incidente.