Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, pactou esta tarde coa Fegamp as fórmulas e actividades prioritarias para a contratación dos 4.000 parados que na actualidade non cobran ningún tipo de desemprego nin subsidio.
Así, tras unha reunión convocada esta tarde pola titular de Traballo coa xunta de portavoces da Fegamp, acordouse por unanimidade entre ambas partes que os 30 millóns que a Administración autonómica destinará á contratación deste colectivo sexan postos no mercado a través dun instrumento xa existente como é o plan de cooperación coas entidades locais, que conta xa con 34,8 millóns aos que se suma a nova partida orzamentaria.
“O importante é resolver de modo áxil as contratacións” destacou a conselleira, algo que só se podía facer aproveitando unha ferramenta existente como é o plan de cooperación porque do contrario habería que esperar unha nova orde, o que retrasaría a posta en marcha deste plan catro meses, “algo que non nos podíamos permitir con 4.000 familias sen prestacións”, destacou.
Por iso, e dada a inmediatez que permite o devandito plan decidiuse que esta era a medida máis axeitada para acadar unha maior axilidade nos trámites de contratación. Deste xeito, esta partida orzamentaria poderá poñerse a disposición dos concellos de forma inminente.
Así mesmo, a consulta coa Fegamp serviu tamén para pactar os cinco sectores de actividade considerados prioritarios: servizos sociais; culturais, de turismo e deporte; medioambientais e de limpeza no eido rural; de protección civil e de seguridade e de carácter administrativo.
A titular de Traballo comprometeuse así mesmo coa xunta de portavoces da Fegamp a analizar con eles calquera iniciativa que teña que ver cos concellos. Tamén quixo destacar o clima de cordialidade e diálogo co que se desenvolveu o encontro e que enmarcou no ambiente de contactos continuos que se están a facer desde a Consellería con todos os representantes de organizacións e entidades.