Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-A Consellería de Cultura e Turismo, a través da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, abordará proximamente a restauración do Templo Votivo do Mar, obra de Antonio Palacios, no concello de Nigrán. Así o asegurou esta mañá o director xeral do Patrimonio Cultural, José Manuel Rey Pichel, trala visita in situ á igrexa na que estivo acompañado polo párroco José Diéguez e mailo arquitecto Francisco Castro.
Segundo Rey Pichel, a obra relixiosa proxectada polo arquitecto porriñés Antonio Palacios para a localidade de Panxón (Nigrán) ten alcanzado a categoría de “edificio emblemático” polo que é necesario “garantir a súa conservación e unha protección axeitada”. Deste xeito, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural comprométese a encargar de inmediato a redacción do proxecto que sexa o fundamento técnico para fixar o ámbito da rehabilitación.
A partir deste proxecto e da valoración económica das tarefas de restauración do Templo Votivo do Mar, a Consellería de Cultura e Turismo axilizará os trámites para afrontar a execución das obras coa maior brevidade posible.