
Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O Consello Forestal de Galicia reuniuse este mediodía en Compostela para actualizar a súa composición e presentar as modificacións introducidas no Pladiga 2009 (Plan de Defensa contra Incendios Forestais de Galicia, edición do ano 2009).
O conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, en calidade de presidente deste Consello, e o director xeral de Montes, Tomás Fernández-Couto, foron os encargados de dar a coñecer estas novidades, que non supoñen alteracións significativas respecto de edicións anteriores deste mesmo Plan.
A xuntanza de hoxe é requisito imprescindible como paso previo á aprobación definitiva do documento por parte do Consello da Xunta, algo que podería suceder na súa reunión desta mesma semana.
Renovación parcial de membros
Previa á presentación do Pladiga 2009 aos membros do Consello Forestal de Galicia, tivo lugar a renovación de parte dos seus case medio cento de membros, que representan a institucións, asociacións sectoriais, asociacións de propietarios de montes en man común, industrias de transformación da madeira, clúster sectorial, sindicatos, asociacións cidadás, consumidores, colexios profesionais, universidades e grupos ecoloxistas.