16 junio 2009

Deputada Davila leva ao Congreso a problemática da rotonda de Canedo

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-A deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, rexistrou esta tarde unha iniciativa parlamentar na Cámara Baixa para pedirlle ao Ministerio de Fomento que as obras de realización da rotonda no cruce de Canedo e San Vicente na N-120 (Ponteareas) teñan en contas as demandas dos veciños e se fagan desde o máximo respecto ao medio ambiente.

Desmesurada carga policial

Ademáis, a deputada nacionalista critica a “desmesurada actuación policial contra os veciños concentrados para protestar por estas obras”. Descrebe Davila que uns trinta veciños de Ponteareas protagonizaban unha concentración coa intención de paralizar as obras da N-120, “concentración que foi disolta na mañá de hoxe por antidisturbios co resultado de varios feridos e algúns detidos”.

As obras soterran o único paso seguro para os habitantes e danan un dos afluentes do río Tea

Explica a parlamentar do BNG que os veciños argumentan o seu malestar debido á actuación do Ministerio de Fomento que “segue indiferente á demanda de información sobre a construcción da rotonda. E sobre todo, protestan porque estas obras están ocasionando unha serie de problemas: están a soterrar o único paso seguro que existe, así como están a provocar unha grave repercusión medioambiental no entorno”.

Lembra a deputada do BNG que estas obras tamén están a soterrar un dos regatos afluentes do río Tea, incluido na Rede Natura.

A Confederación Hidrográfica abriu dous expedientes sancionadores polo impacto no entorno
A parlamentar nacionalista subliña que precisamente por este feito a Confederación Hidrográfica abriu dous expedientes sancionadores polo impacto sobre o entorno do río.

Por estes motivos, Olaia Fernández Davila dirixe ao Ministerio unha serie de preguntas: “a qué se debe que estas actuacións estén a obstaculizar o paso dos cidadáns polo único paso seguro existente? Por que motivo as obras están a soterrar o curso dun dos regatos? A que se debe que o Ministerio faga ouvidos xordos aos dous expedientes sancionadores realizados pola Confederación?”.

A deputada do BNG pede ao Ministerio diálogo cos veciños afectados e co concello de Ponteareas para solucionar definitivamente os problemas de seguridade vial na zona.