16 junio 2009

El Bloque lleva este miércoles el transporte de Ría hasta el Parlamento

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-O Parlamento Galego debaterá mañá, mércores 17 de xuño, unha iniciativa do BNG para que a Xunta de Galiza garanta o mantemento do servizo de transporte de viaxeiros na ría de Vigo e restableza a súa condición de servizo público.

A nova normativa comunitaria abre a porta a manter o servizo público entre Vigo e O Morrazo

Os deputados do BNG lembran que a Comisión Europea ven de confirmarlle ao Goberno galego que o novo regulamento de Transportes (CE 1370/2007) “abre a posibilidade de que o transporte marítimo entre Vigo e O Morrazo sexa considerado servizo público”.

Isto significa que a partires do próximo 3 de decembro deste mesmo ano, no que entrará en vigor o novo Regulamento (artigo 12), a Xunta de Galiza poderá establecer un servizo de transporte público marítimo entre Cangas e Moaña e Vigo. Modifícase así o que impuxo no seu día a sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, do 9 de marzo de 2006, que anulou o seu carácter público e provocou un deterioro do servizo, ameazando mesmo co peche do transporte de ría.

“Cumpre, pois, con carácter de urxencia, impulsar en Galiza oi procedemento administrativo orientado a recuperar a súa condición de servizo público”, subliñan os deputados do BNG.

Un modelo público e/ou consorciado para a empresa que preste o servizo

En concreto, a iniciativa do BNG insta á Xunta de Galiza a “por en marcha o procedemento administrativo que permita restablecer a declaración de servizo público de titularidade da Xunta de Galiza do transporte público marítimo de viaxeiras e viaxeiros na Ría de Vigo (tramos Moaña-Vigo/Vigo-Moaña e Cangas-Vigo/Vigo-Cangas) para a súa entrada en vigor inmediatamente despois do 3 de decembro de 2009, coincidindo co Regulamento CE 1370/2007 do Parlamento Europeu e do Consello.

Neste sentido, o BNG insta ao Goberno galego a elaborar un novo proxecto de Lei para a súa tramitación parlamentar.

Ademais, o BNG demanda que “se defina un modelo público e/ou consorciado para a empresa que desenvolva a prestación do servizo”.

Mentres tanto, os deputados nacionalistas demándanlle ao Goberno que “adopte, con carácter de urxencia, medidas conveniadas coa empresa que na actualidade presta o servizo que eviten a desaparición, redución de frecuencias ou degradación das condicións de transporte que actualmente se prestan”.