09 junio 2009

La Xunta presume de un adecuado plan de lucha contra los incendios forestales


VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-O director xeral de Montes da Consellería do Medio Rural, Tomás Fernández-Couto Juanas, presentou hoxe en Santiago as claves básicas do dispositivo de loita contra os lumes forestais para o ano 2009, que se integra no Plan de defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga 2009).

Este Plan será analizado e aprobado na vindeira xuntanza do Consello Forestal de Galicia, prevista para o próximo 16 de xuño, para o seu posterior visto e prace definitivo polo Consello da Xunta (posiblemente o mesmo xoves 18).

A expensas da aprobación definitiva deste Plan, o director xeral explicou que o documento adecúa o operativo de prevención e extinción de lumes ás actuais condicións do monte galego, tendo en conta o estado das masas forestais, despois de dous veráns continuados de precipitacións maiores do habitual.

Neste sentido, Fernández-Couto advertiu en primeiro lugar que o dispositivo estará plenamente operativo no momento que se estima de maior risco de incendios (entre o 1 de xullo e o 30 de setembro, prazo variable en función da meteoroloxía).

En total, segundo avanzou o director xeral, o operativo estará integrado por un total de 538 brigadas de extinción (38 máis que no Pladiga de 2008) e por 24 medios aéreos de extinción do despregue propio e outros 6-7 (dependendo do momento do verán), dispostos pola Administración do Estado. A estes hai que engadir ata 8 medios aéreos máis en labores de vixilancia e coordinación.

Reforzo do operativo
Ao mesmo tempo, o director xeral puntualizou que a Xunta viuse obrigada a reforzar este operativo por dúas razóns: por un lado, o incremento da biomasa nos montes galegos, pola maior pluviosidade dos dous últimos anos, en relación con veráns anteriores e, por outro, a recuperación parcial da superficie forestal queimada na vaga de lumes do verán de 2006, que a fai susceptible de verse ameazada, de novo, polos incendios. Isto fixo preciso incrementar os esforzos na dotación e coordinación de medios e persoal de prevención, vixilancia e extinción, para deseñar un dispositivo que está listo para entrar en funcionamento, a pleno rendemento, o vindeiro día 1 de xullo, ou mesmo antes, se as condicións meteorolóxicas así o esixen.