18 junio 2009

Divulgación

Festa Veciñal 2009

A mostra reivindicativa do movemento veciñal de Vigo

Sábado 20 de Xuño, a partir das 11.00 horas no Parque de Castrelos

O parque de Castrelos acolle este sábado unha nova edición da mostra viva do Movemento Veciñal de Vigo: A Festa Veciñal. Durante toda a xornada Castrelos convertirase nun gran foro veciñal que expoñerá as reivindacións dos barrios, parroquias e colectivos da cidade cunha gran mostra reivindicativa. Paralelamente desenvolveranse actividades de caráter lúdico como xogos populares, actuacións de música e baile, festival infantil, obradoiros de manualidades, exhibicións das actividades que se fan nas asociacións veciñais e a celebración dun serán con música e baile tradicional o sábado pola noite.

Este ano o xantar veciñal de confraternización será sustituído por unha merenda veciñal que comezará a repartirse ás 7 da tarde. As persoas que o desexen poderán mercar por só 3 euros, ata o venres na súa asociación veciñal ou o sábado xa na festa, un ticket que poderán canxear por unha completa merenda.

O acto central de homenaxes do movemento veciñal como recoñecemento público en honra daquelas persoas que dan parte do seu tempo e da súa vida pola súa asociación e polo seu barrio terá lugar ás 8 da tarde. As homenaxes darán paso á música e bailes tradicionais coa celebración dun serán que se prolongará durante toda a noite e porá final á festa.

Chamamento á participación

A FAVEC anima a toda a cidadanía a participar na Festa Veciñal do sábado en Castrelos, a que se achegen ao parque coas súas ideas, opinións, cos seus descontentos ou reivindicacións xa que a edición deste ano será ante todo unha festa orientada á participación da cidadanía. Será unha auténtica xornada desestresante e unha oportunidade única para facerse escoitar grazas ao gran mural reivindicativo que se dispoñerá no medio do parque e que se recheará con todas as achegas das persoas que nesta cidade teñen moito que dicir.