18 junio 2009

El BNG exige a la Xunta su protesta por cargas policiales contra los obreros del Metal en Marín

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).O deputado do BNG no Parlamento Galego, Bieito Lobeira, ven de presentar unha iniciativa na que lle demanda á Xunta de Galiza que esixa responsabilidades ao Ministerio do Interior pola “desproporcionada e violencia carga policial” contra os traballadores do metal que onte se manifestaban de xeito pacífico polas rúas de Marín.

“Comportamento intolerábel por parte de varios policías”

Bieito Lobeira lembra que mentres un grupo de traballadores se atopaba manifestándose de xeito pacífico polo centro de Marín “mesmo de maneira pactada coa policía e sen interromper o tránsito –unicamente se ocupaba un carril- dous membros da Policía Nacional, adicáronse, pública e desacomplexadamente, a insultar, provocar e humillar aos manifestantes”.

O deputado nacionalista salienta que “veciños e veciñas de Marín, alleos á mobilización, foron testemuñas deste comportamento intolerábel, más aínda en supostos servidores públicos”.

Porén, denuncia que os feitos máis graves tiveron lugar ao remate da manifestación cando “un dos traballadores do metal foi acurralado por varios policías nacionais e batéronlle con inxustificada violencia tanto na face como nas pernas”.

“A Xunta debe esixir responsabilidades ao Ministerio do Interior”

Bieito Lobeira considera estes feitos “extremadamente graves, máis aínda cando os traballadores só perseguen a defensa e dignificacións dos seus postos de traballo, do pan para as súas familias”.

Neste sentido, o deputado do BNG demándalle á Xunta de Galiza que solicite explicacións formais ao Ministerio do Interior “por esta inaceptábel actuación policial”. Pede ademais que o Goberno Galego esixa a depuración de responsabilidades aos policías que participaron nestes feitos.

Por último, o deputado do BNG solicítalle á Xunta de Galiza que interveña ante o Ministerio do Interior para que feitos coma estes non se volvan repetir, “porque os conflitos sociais non se resolven pola vía policial, senón co diálogo, e as denominadas forzas e corpos de seguranza do Estado deben comprendelo”.