Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-Perante as mobilizacións convocadas para mañá por algunhas centrais representadas na Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos (Seaga), a Consellería do Medio Rural quere lembrar que non ten ordenado despedimento ningún, en ningún momento, de ningún dos seus traballadores ou traballadoras. En ningún momento, e de ninguén.
Ben ao contrario, e como xa teñen feito público varios membros do actual equipo directivo da Consellería, respectarase escrupulosamente a legalidade vixente respecto do sistema de contratación por parte de Seaga, sen que se exclúa a posibilidade de anovar contratacións se a carga de traballo o fixese necesario no futuro. En todo caso, cómpre lembrar que o sistema de contratacións nesa Empresa Pública foi aprobada e ratificada polo anterior equipo de Goberno, e que, polo tanto, o departamento que dirixe Samuel Juárez non fai senón respectar escrupulosamente a legalidade vixente. Unicamente están a deixar de traballar aqueles empregados e empregadas de Seaga aos que, en estrito senso, extinguíaselles o contrato por teren rematado a súa encomenda; non se trata por tanto dunha decisión ideolóxica nin de xestión.
Cómpre insistir, xa que logo, en que non existe novidade ningunha respecto do sistema anterior á entrada do novo equipo de Goberno na Xunta. Mesmo cómpre preguntarse por qué estas centrais sindicais que agora se mobilizan non o fixeron noutros tempos, con condicións laborais idénticas.
Medio Rural respecta, como non podía ser doutra maneira, o dereito a manifestarse de calquera asociación, sindical ou non; pero quere lembrar –unha vez máis- que calquera modificación que se quixese realizar no cadro do persoal da extinción de incendios precisaría dun profundo e sosegado estudo, inviable arestora habida conta das datas en que o novo equipo directivo da Consellería se fixo cargo deste departamento.