VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-O conselleiro Roberto Varela compareceu hoxe a petición propia no pleno do Parlamento para presentar as liñas de actuación do seu departamento en política cultural e turística, unha actuación que se fundamentará na idea “dunha Galicia sempre aberta ao mundo”. Segundo o titular de Cultura e Turismo, a cultura galega caracterizouse ao longo dos séculos pola súa apertura ás correntes culturais do resto de España e de Europa “baixo o influxo do primeiro itinerario cultural europeo, o Camiño de Santiago, e esta é a premisa sobre a que quero fundamentar a política cultural e turística dos próximos anos”.
Neste sentido, a promoción e difusión da cultura galega abarcará tanto ao patrimonio popular e tradicional coma a “cultura xerada na Galicia de hoxe” e terá un dobre obxectivo. Por unha banda, dar a coñecer a cultura propia no interior “e transformala “nun elemento xerador de atracción no exterior” e, noutro senso, “servir para o crecemento económico e a creación de empregos nos eidos cultural e turístico”.
No seu discurso, o conselleiro defendeu un acceso á cultura ao alcance de todos os galegos, nas cidades e tamén no rural, “sen dirixismos, sen escurantismos, sen exclusións lingüísticas ou ideolóxicas”. Para Roberto Varela é preciso apostar por unha Galicia aberta ao mundo e romper dunha forma “clara coa imaxe de cultura encerrada en si mesma” xa que “non podemos tratar de dobregala en base a intereses políticos ou partidistas”. Na difusión dunha nova Galicia “máis dinámica, universal e afastada de tópicos reduccionistas” o turismo é “un motor esencial” e o Xacobeo 2010 amósase como unha oportunidade única para a promoción cultural exterior e un “revulsivo da economía galega” que precisa de “intervencións urxentes despois duns anos sen actuacións destacables”.
O punto de partida da Consellería de Cultura e Turismo na conxuntura económica actual será a “racionalización do gasto” en toda acción cultural. Segundo manifestou o conselleiro, “debemos suprimir as actividades de carácter ideolóxico con escaso efecto multiplicador e evitar a instrumentalización partidista da cultura así como o dispendio inxustificado de erario público”. Fronte a estas políticas “escurantistas e malgastadoras”, Roberto Varela propuxo “a transparencia, a austeridade e a defensa da pluralidade cultural galega”. A racionalización do gasto rematará co “caduco concepto da Adiministración como mera caixa pagadora” e se apoiarán “aqueles proxectos culturais que demostren a súa utilidade en termos de viabilidade práctica”.
Para o conselleiro Roberto Varela, a cultura debe servir como atractivo turístico que redunde “na reactivación económica” e na “xeración de emprego”. O turismo cultural conta cun “enorme potencial de crecemento” polo gran atractivo do patrimonio artístico e monumental galego pero “o seu futuro dependerá de poñer en valor esa herdanza e á vez exportar novos valores e modelos”. Neste eido, a Consellería potenciará os Programas de Visitantes como axeitado instrumentos de difusión “especialmente indicados para a promoción da Cidade da Cultura”. Os seus beneficiarios serían persoeiros de influencia nas súas respectivas materias e países de cara a conseguir que a Cidade da Cultura “sexa por fin un proxecto de todos os galegos, querido por todos, e un centro cultural de referencia non só en Galicia, senón tamén en España e en Europa”.
Patrimonio cultural
As políticas da Consellería de Cultura e Turismo referentes ao patrimonio cultural galego marcaranse tres obxectivos: a protección, a conservación e restauración e a difusión. Nesta liña de traballo, Roberto Varela anunciou a reforma da Lei do Patrimonio Cultural de Galicia de 1995 para rematar coas “estreiteces dun marco normativo obsoleto”. Os plans prioritarios para a Consellería contemplan a mellora dos bens xa declarados Patrimonio da Humanidade; o apoio das candidaturas de feito, caso da Torre de Hércules cunha campaña específica nos medios a través do Plan de Competitividade Turística; e a promoción doutras novas como o Ferrol da Ilustración ou a Ribeira Sacra.
De cara o Xacobeo 2010 terá especial relevancia o Plan de Restauración e posta en valor dos Camiños de Santiago, que abarcará a intervención nos espazos públicos para a súa recuperación para o uso dos seus habitantes e visitantes así como nas carballeiras e no patrimonio etnográfico. O plan de intervención abordarase nunha primeira fase no Camiño Francés nos tramos que precisen meirande urxencia. A medio prazo estenderase ao resto dos Camiños.
A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural impulsará a Rede Galega do Patrimonio Arqueolóxico a través dos catro centros complementarios: o da Arte Rupestre en Campo Lameiro, xa en avanzado estado de execución; o da Cultura Castrexa, en Ourense; o do Mundo Romano, en Lugo e o do Megalitismo, en A Coruña. O Centro de Investigacións do Patrimonio, na Cidade da Cultura, será o “eixo difusor” da Rede.
De xeito pioneiro no ámbito estatal, a Consellería de Cultura e Turismo porá en marcha un Plan de Conservación da Arquitectura Industrial e Racionalista de Galicia ademais de desenvolver os plans de conservación e restauración do Patrimonio Arquitectónico e Etnográfico.
Promoción e Difusión da Cultura
O conselleiro Roberto Varela anunciou que o 2010 será declarado como Ano da Lectura en Galicia. A Consellería traballará para que as administracións e o sector do libro se “mobilicen a prol do fomento da lectura” xa que os índices en Galicia están por debaixo da media estatal e europea, “froito do desinterese público e dos fracasos continuados das políticas de fomento implementadas nos últimos anos”. Neste eido, a Xunta desenvolverá a Lei do Libro de cara a acadar unha industria e un sector competitivos e de calidade “atractivo para o público”.
Respecto ás bibliotecas, a Consellería prevé que os servizos da Biblioteca de Galicia entren en servizo en 2010 e, nese mesmo ano, presentarase unha Lei de Bibliotecas para converter a Rede de Bibliotecas de Galicia nun sistema profesional e próximo ao usuario. A longo prazo, o obxectivo da Consellería é asemade que en todas as cidades de máis de 75.000 habitantes exista unha biblioteca estatal.
Turismo
A Xunta de Galicia abrirá un Gran Debate sobre o estado do Turismo cos axentes económicos e sociais que traballan no sector. Do debate con representantes do sector privado, coas institucións e entidades implicadas sairá un documento que conterá as liñas estratéxicas de actuación nos vindeiros anos. Os obxectivos serán o de incrementar o peso do turismo no PIB galego, un 12 % na actualidade; incrementar o número de turistas e a súa estancia en Galicia a través da especialización e de novos produtos diferenciados; e consolidar o mercado laboral do sector. Neste ámbito, revisarase a Lei do Turismo de Decembro de 2008 para adaptarse á Transposición da Directiva de Servizos europea.
O Xacobeo 2010 será o revulsivo da economía do país e se traballa para que o Ano Santo incremente en máis dun 1% o PIB galego incrementando asemade o gasto diario dos turistas respecto a 2004. A Consellería de Cultura e Turismo xa comezou a captación e peche de patrocinios e a promoción será presentada cumprindo os prazos comprometidos. Respecto á programación farase pública de forma oficial en outubro, unha vez ultimados os orzamentos e as aportacións das que se beneficiará o Xacobeo. A engranaxe loxística e institucional xa está reactivada e tamén o traballo para corrixir deficiencias dos camiños.