Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, realizará a súa primeira visita institucional ao Concello de Pontevedra o vindeiro venres 26 de xuño dentro do seu compromiso de acudir ás sete grandes cidades galegas nos cen primeiros días do seu goberno.
Así, Núñez Feijóo manterá un encontro co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e co resto da Corporación Municipal co ánimo de impulsar os principais asuntos de interese do Concello, algo que, ao seu xuízo, redundará no beneficio dos pontevedreses e, por tanto, do conxunto de Galicia.
A visita institucional ao Concello de Pontevedra será a quinta que realice o presidente da Xunta desde a súa toma de posesión, tras as de Ourense, Santiago, Lugo e Ferrol. Nas vindeiras semanas, está previsto que acuda tamén aos Concellos de A Coruña e Vigo.
Con esta rolda de visitas institucionais, Feijóo quere expresar o seu convencemento de que as relacións entre o Goberno galego e as respectivas corporacións municipais teñen que estar presididas pola máis eficaz colaboración e cooperación institucional.
Desde a súa chegada á Xunta de Galicia, o presidente autonómico amosouse consciente da importancia da Administración local para lograr o benestar de todos os galegos e, por iso, adquiriu un compromiso de colaboración, acordo, e lealdade permanente cos concellos.