Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, foi nomeado hoxe nunha das reunións mantidas no marco do 80º Pleno do Comité das Rexións da Unión Europea vicepresidente do Grupo Interrexional sobre a crise do automóbil, que está presidido polo presidente da rexión francesa de Bretaña, Jean Yves Le Drian.
Diversas rexións europeas uníronse nun Grupo Interrexional no seo do Comité das Rexións, constituído formalmente o pasado 20 de abril, para afrontar a crise do automóbil e toda a súa industria satélite de compoñentes. O grupo mantén estes días en Bruxelas a súa segunda xuntanza e nela decidiuse que o máximo mandatario galego ocupe a vicepresidencia do grupo, unha posición dende a que Galicia poderá defender dunha forma máis activa os intereses do sector automobilístico.
Nese sentido, o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Jesús Gamallo, salientou hoxe na reunión do grupo o compromiso da Xunta co sector do automóbil nestes momentos de dificultades e demandou aos membros do órgano que do traballo realizado en Bruxelas xurdan solucións europeas de apoio ao sector.
Precisamente, no pleno do Comité das Rexións que rematou hoxe, e no que Gamallo tomou parte, aprobouse unha resolución relativa á resposta europea ante a crise do sector do automóbil, que foi preparada no seno do grupo interrexional e na que Galicia conseguiu incorporar catro emendas ao texto, en cuxa elaboración participaron a Consellería de Economía e Industria, así como o Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (Ceaga) e o Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG).
A primeira das emendas engadidas por Galicia incide no feito de que o sector do automóbil é de especial importancia para algunhas rexións europeas, e non soamente para o conxunto da Unión, como se recollía no texto inicial. A segunda das aportacións galegas vai na liña de promover o acceso ao emprego dos traballadores a través da formación. Outra das emendas galegas fai referencia á necesidade de facilitar o acceso a financiamento para as empresas a través de fondos europeos e a última propón dar un impulso con fondos públicos á I+D+i e tecnoloxías respectuosas co medio ambiente.
Resultados satisfactorios
Unha vez rematado o pleno do Comité das Rexións, o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE salientou os resultados moi satisfactorios para Galicia acadados no encontro, tanto no sector do automóbil como en outros asuntos de moita relevancia, como a pesca. Nese ámbito aprobouse un dictame referido ao réxime de control comunitario da pesca.
Ademais de participar no Comité das Rexións, Jesús Gamallo aproveitou a súa estancia en Bruxelas para visitar a sé da Fundación Galicia Europa e para manter varios encontros con personalidades europeas, como o que tivo co presidente da Bretaña francesa, Jean Yves Le Drian, ou co presidente da rexión de Murcia, Ramón Luis Varlcárcel.
O director xeral tratou co mandatario murciano o dictame que este último está a elaborar no marco dunha comisión do Comité das Rexións, en relación coa política pesqueira e o futuro sostible para a acuicultura. Gamallo trasladoulle a vontade de Galicia de facer aportacións de cara a elaborar a postura do Comité das Rexións sobre unha materia tan relevante para a comunidade.