VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-A Consellería de Economía e Industria, que dirixe Javier Guerra Fernández, lamenta e rexeita as acusacións verquidas hoxe en rolda de prensa por parte do señor Henrique Viéitez, portavoz de Industria do BNG, nas que asegura que o Goberno da Xunta ten paralizado o concurso eólico por disputas internas. Este departamento da Xunta de Galicia quere subliñar que todas as consellerías que conforman o actual Goberno autónomo traballan na mesma dirección e dunha forma absolutamente coordinada baixo a dirección do presidente, Alberto Núñez Feijóo, para resolver este, e outros asuntos.
Esta filosofía de traballo contrasta cos constantes e públicos enfrontamentos que mantiveron os anteriores socios de goberno do bipartito relacionados, de xeito moi especial, co concurso eólico. A evidente falta de entedemento entre socialistas e nacionalistas desembocou nun proceso de adxudicación de potencia eólica escuro e pouco transparente que está sendo revisado polos servizos xurídicos da Xunta e da propia Consellería de Economía e Industria para dotalo das máximas garantías legais. A actual incertidume legal que provocou o Bipartito xerou máis de medio cento de recursos de reposición ás concesións. O traballo da actual Xunta de Galicia e da Consellería de Economía e Industria pasa por cumprir dous compromisos básicos e coñecidos: a defensa dos intereses xerais de Galicia e a defensa da legalidade.
Javier Guerra Fernández asegura que o señor Henrique Viéitez “minte, e debe de pensar que todo o mundo móvese polos seus propios intereses privados, tal e como fixo o anterior Goberno bipartito da Xunta de Galicia”. O conselleiro de Economía e Industria vai máis alá e pregúntase “si é que o BNG ten algún tipo de medo á revisión actual do concurso eólico por parte do novo Goberno, un Executivo que funciona de xeito unido, que traballa na mesma dirección e no que non existen diferencias entre conselleiros, tal e como evidenciaron na anterior lexislatura socialistas e nacionalistas”.
Guerra Fernández quere deixar claro que “a verdade non é o punto intermedio entre dúas opinións, e a única verdade, aquí e agora, é que o concurso eólico presenta serias dúbidas de legalidade, tal e como demostra a existencia de 55 recursos de reposición sobre as concesións e de dous recursos contra o decreto”. O conselleiro de Economía e Industria sostén que o que “está a levar cara adiante o actual Goberno da Xunta de Galicia é unha revisión de todo o proceso para que se axuste á legalidade e evitar calquera tipo de inseguridade xurídica”.
O propio conselleiro recorda tamén que a revisión do concurso eólico é unha promesa do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, quen manifestou que o programa electoral que o levou a gañar as eleccións é un contrato cos cidadáns. “Esta revisión do concurso –apunta Guerra Fernández- demostra que se está a cumprir o que se prometeu”.
Dende a Consellería de Economía e Industria, Guerra Fernández invita ao “BNG e ao Goberno bipartito que conformaba xunto cos socialistas a pedir perdón por ter levado á práctica unha verdadeira chapuza legal que vén de desembocar nun retraso de todo o proceso administrativo que pode ter consecuencias para o sector eólico”.
O obxectivo da Xunta de Galicia dende a Consellería de Economía e Industria é que Galicia recupere o liderado en materia de enerxía eólica que ostentaba ata o ano 2005, e que perdeu pola xestión do Bipartito, marcada pola parálise primeiro, e pola opacidade despois, xunto coas sospeitas de parcialidade e especulación no concurso eólico.
Ao mesmo tempo, dende a Consellería de Economía e Industria sinálase, que este tipo de acusacións tentan confundir á opinión pública de Galicia e desviar a atención sobre o único culpable da actual situación: o anterior Goberno bipartito da Xunta de Galicia. Este departamento constata ademais que durante a pasada lexislatura paralizouse a adxudicación de megavatios de parques eólicos singulares, e unicamente se puxeron en marcha 400 megavatios de planes eólicos empresariais previamente adxudicados polo anterior Goberno do Partido Popular.