09 junio 2009

Ley de Pesca : seis meses para
recuperar el consenso del sector

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe o proxecto de lei de modificación da Lei de Pesca de Galicia e abre un prazo de seis meses para recuperar o “consenso co sector”. A nova norma incidirá no fortalecemento das confrarías e na regulación das concesións das bateas e “contará coas aportacións de mariñeiros e mariscadores”.

A conselleira do Mar destacou a urxencia de elaborar unha norma que lle dea voz ás miles de familias as que viven do mar e que corrixa as ineficacias e ineficiencias que traería a Lei do bipartito. Por iso considera fundamental redactar un texto do sector para o sector, “baseada no consenso e non só na consulta”. Rosa Quíntana sinalou que a pesca gañará construíndo unha nova normativa acorde coas súas demandas e lembrou que a maioría dos afectados pola lei estaban desconformes co documento elaborado polo bipartito.

A conselleira do Mar presentará ó Consello Galego de Pesca nos próximos días o borrador da nova lei, e espera ter neses seis meses un texto definitivo. Durante a súa intervención, a titular de Pesca explicou que o seu equipo “leva tempo traballando neste texto legal para adaptalo ós intereses e ás necesidades do sector, fuxindo do intervencionismo, de imposicións e dirixismo político”.

Rosa Quintana cumpre así co seu compromiso electoral de suspender a entrada en vigor da Lei de Pesca aprobada polo bipartito para redactar un documento baseado na cooperación entre a administración e a xente do mar.

A lei aprobada no Parlamento o 25 de novembro de 2008 debía entrar en vigor o próximo 16 de xuño pero a modificación acordada polo Consello da Xunta consiste no seu aprazamento por seis meses e na anulación dos seus efectos derrogatorios sobre outras normas anteriores.