16 junio 2009

Novos recursos na rede
cara á normalización lingüística

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-A Secretaría Xeral de Política Lingüística vén de poñer en marcha dous novos recursos na rede. Trátase do espazo www.xogaconfervello.com e mais unha web desde a que se difunden experiencias dinamizadoras de carácter transversal levadas a cabo polos equipos de normalización e dinamización lingüística (ENDL) dos centros de ensino non universitario.

O Xoga con Fervello é unha iniciativa destinada a que os máis pequenos da casa se familiaricen coa lingua galega dun xeito lúdico, a través duns xogos interactivos, ao mesmo tempo que desenvolven a capacidade de aprendizaxe nas habilidades básicas dos primeiros anos de idade. Tanto con esta iniciativa como co lanzamento da web dos ENDL, a Secretaría Xeral de Política Lingüística quere levar a cabo unha política activa de promoción da lingua a través das novas tecnoloxías.


Xoga con Fervello
No Xoga con Fervello, os nenos e nenas acompañarán os personaxes protagonistas nos seus diferentes xogos. Xana e Fuco son os dous rapaces que, xunto co can Farragús e o morcego Fervello, guían os pequenos en cada unidade lúdica da web. Concretamente é Farragús o que se encarga de lles ir explicando que é o que teñen que ir facendo en cada situación. Vestir a Xana e Fuco segundo o tempo que vai, preparar unha merenda, recoller o cuarto ou pintar son algunhas das actividades que conforman os xogos.

Con esta iniciativa a Secretaría Xeral pretende familiarizar os máis pequenos co galego, así como fomentar a capacidade de aprendizaxe nas principais áreas e habilidades básicas nestas primeiras idades, como son a memoria visual, auditiva e numérica, a atención, a coordinación óculo-manual, a asociación, o razoamento, a discriminación, a linguaxe, o corpo humano, a imaxinación e a creatividade.


Web dos equipos de normalización e dinamización lingüística
A través da nova web, http://www.xunta.es/linguagalega/equipos_de_normalizacion, os ENDL poden compartir recursos, ferramentas, formación, información e modelos que sirvan de referencia e poidan ser trasladados, coas pertinentes adecuacións, a outros contextos educativos.

A páxina está estruturada en catro pestanas principais desde as que se pode acceder a información sobre premios, formación dirixida a membros e coordinadores dos equipos, axudas, bibliografía, etc., ademais doutros apartados nos que se recompilan mostras das principais accións desenvolvidas polos centros. Trátase da primeira web dos equipos de normalización coordinados desde a Secretaría Xeral de Política Lingüística.