31 agosto 2009

Cumbre en Montero Rios
















________________________________________

A Xunta promocionará o Camiño Portugués pola costa e creará en Pontevedra a primeira área de BTT de Galicia
RAFAEL LOUZÁN E CARMEN PARDO ABORDAN PROXECTOS PARA PROMOCIONAR A PROVINCIA DE PONTEVEDRA CO GALO DO XACOBEO 2010

PONTEVEDRA.- O presidente da Deputación, Rafael Louzán, e a Secretaria de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, Carmen Pardo, mantiveron hoxe unha xuntanza no Pazo Provincial na que trataron diversos asuntos relacionados coa promoción do turismo na provincia de Pontevedra co galo da celebración do Ano Santo 2010.
Trala reunión de traballo, Carmen Pardo anunciou que Pontevedra será a sede da primeira Área BTT de Galicia. Trátase dun espazo ó aire libre para a práctica deste deporte de bicicleta que posibilita un coñecemento do medio natural e rural.
Nos vindeiros dous meses a Xunta e a Deputación identificarán o Concello no que se instalará esta área que estará composta por varias rutas que sumarán un total de 100 quilómetros e que serán dotadas de balizamento, duchas, sinalización, etc.
“Trátase dunha iniciativa pioneira en Galicia pero que xa está consolidada en Europa e nalgúns lugares da península como por exemplo no País Vasco”, explicou a Secretaria de Cultura e Turismo.
Promoción do Camiño Portugués
Por outra banda, Carmen Pardo anunciou a promoción do Camiño Portugués pola costa a través de guías turísticas. Pardo explicou que o Camiño Portugués pola costa naceu dunha proposición non de Lei e o recoñecemento desta ruta significará a promoción e a corrección das súas deficiencias, é dicir, desbroces, limpeza reparacións de patrimonio, e ordinarias, catalogación, delimitación etc.
“Isto supón anos de traballo” aseverou e, de feito, explicou que “actualmente so esta delimitado o Camiño Francés, os outros están simplemente catalogados”. Precisamente, o Camiño Portugués inicia estes trámites burocráticos.
Rafael Louzán, pola súa banda, comentou que dende a Deputación vaise a traballar para que os camiños que pasan pola provincia estean en perfecto estado. E manifestou que “como todos os camiños levan a Santiago teñen que ser unha oportunidade para Pontevedra e para toda Galicia”.
Santiago: escaparate de toda Galicia
Ante o “tremendo receo e preocupación de que o Xacobeo só vaia a beneficiar a Santiago de Compostela”, Carmen Pardo puntualizou que a pretensión da Xunta é que “Santiago sexa o escaparate de toda Galicia”. Así mesmo matizou que se farán actividades de animación de rúa utilizando costumes, hábitos típicos e autóctonos e mostraranse a través de lonas en edificios praias, balnearios, experiencias e vivencias, etc. En definitiva, afirmou Pardo “que existe outra Galicia e que esta comunidade é un multidestino con fins económicos, evidentemente, para aumentar a estanza media e o gasto diario de turistas en Galicia”.
Rafael Louzán considerou, neste senso, que “o Xacobeo 2010 non se pode cinguir exclusivamente a Santiago, senón que Pontevedra e as Rías Baixas ten que ser tamén receptora de visitantes”, para o presidente “este evento é unha oportunidade que ven nun momento tremendamente oportuno tendo en conta a situación actual de dificultades económicas”.
Observatorio Turístico de Galicia
Noutra orde de cousas, Carmen Pardo puxo de relevo publicamente o traballo realizado polo Observatorio de Turismo Rías Baixas, que posibilita manexar datos serios e rigorosos relacionados con este sector.
A secretaria de Cultura e Turismo avanzou que “en Galicia non existe ningún observatorio, pero vista a experiencia impulsada pola Deputación, queremos lanzar algo similar a nivel galego”. Para isto, solicitarán a axuda á experiencia de Turismo Rías Baixas.
Este observatorio “permitirá contar cos datos directos do sector, das asociacións xa que os datos actuais son dispersos e confusos”. Pardo considera prioritario traballar con rigor para non confundir e para ter unha ferramenta de traballo e reacción inmediata da administración autonómica en casos de necesidade.