19 agosto 2009

La Xunta reitera su esfuerzo por contratar parados

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde da Consellería de Traballo e Benestar que establece a segunda partida para a contratación de desempregados que esgotaron as súas prestacións e subsidios por desemprego. Esta segunda fase ascende a 20,2 millóns, que se suman aos 13,1 que xa foron postos no mercado a finais do mes de xuño.

Esta partida inscríbese dentro do Plan de choque, deseñado pola Xunta, para facer fronte á crise. En concreto, o departamento autonómico tiña previsto destinar un total de 30 millóns para contratar a este colectivo, unha contía que agora se aumenta en 3 millóns de euros. En total, o Goberno galego prevé que deste proxecto se beneficien 4.000 persoas que esgotaran os subsidios nos sete primeiros meses do ano.

Así, a suma da primeira partida (13,1 millóns) e da segunda (20,2) supón un orzamento total de 33,3 millóns, isto é, un financiamento global superior en 3 millóns de euros ao previsto inicialmente. Esta cantidade adicional correspóndese cun investimento destinado a obradoiros de emprego.

Máis polo miúdo, desta segunda partida de 20,2 millóns, preto de 9 millóns están destinados á cooperación coas entidades locais, para que contraten a persoal para a realización de obras ou servizos de interese xeral ou social.

Os 11 millóns restantes correspóndense coa cooperación con administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro, destinados tamén á contratación de parados que esgotarán a súa prestación e subsidios.

Deste xeito, a Xunta de Galicia dá cobertura a aqueles parados que esgotaron a súa prestación desde o 1 de xaneiro deste ano, o que segundo a titular de Traballo, Beatriz Mato, supón unha “forte aposta” polas políticas activas de emprego.

As contratación dos desempregados realizarase en actividades vinculadas a novos xacementos de emprego que lles ofrezan maiores oportunidades de readaptación no ámbito laboral. En concreto, os contratos estarán dirixidos á prestación de servizos en materia medioambiental, social, cultural, de protección civil e de servizos administrativos de informática e novas tecnoloxías.

A duración dos contratos oscilarán entre os 6 e os 9 meses, de modo que facilitarán unha práctica profesional adecuada para a súa posterior reinserción laboral.

Este plan emprega o mesmo instrumento que o plan de cooperación local –cun orzamento de 34,8 millóns de euros e que permite a contratación, xa en marcha, de 3.900 persoas-, aínda que son partidas orzamentarias diferenciadas con destinatarios tamén distintos.

Trátase, pois, dun “gran esforzo”, xa que entre o plan de cooperación e esta partida extraordinaria estase a falar dun montante de máis de 65 millóns de euros, achegados por parte da Consellería de Traballo e Benestar para frear o paro e reincorporar no mercado laboral a quen máis o necesita.