20 agosto 2009

La Xunta dice que solo serán 7.000 los beneficiarios en Galicia de la limosna del Gobierno a los parados

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- A Consellería de Traballo e Benestar reitera que os potenciais beneficiarios en Galicia da axuda de 420 euros contemplados no novo Real Decreto-Lei 10/2009, do 13 de agosto, polo que se regula o programa temporal de protección de desemprego e inserción, están ao redor das 7.000 persoas e non das 19.000 como ten indicado a Delegación do Goberno en Galicia nos últimos tres días. Esta 12.000 persoas de diferenza son aquelas perderán as prestacións, pero non os subsidios.

Esta confusión débese a que o pasado mes de xuño o Servizo Estatal de Emprego comunicou á Xunta que serían 7.000 os potenciais beneficiarios mentres que o pasado 18 de agosto indicou que poderían ascender a 19.000. Por iso, e ante estas diferenzas, a Consellería de Traballo realizou un informe das persoas que realmente poden acceder a esta axuda de 420 euros.

Para iso, tomou os datos oficiais remitidos polo Servizo Público de Emprego Estatal nos que se reflicten as persoas que dende o 1 de agosto e ata febreiro de 2010 -período de duración do programa- remataron ou rematarán xa a súa prestación pero tamén os subsidios por desemprego nesa franxa temporal. Estes son os dous requisitos imprescindibles, non os únicos, para poder optar a esta axuda segundo o decreto aprobado polo Goberno central.

É de subliñar que nesta cifra non se poden incluír as persoas que teñan rematado só a súa prestación contributiva por desemprego, dado que neses casos a meirande parte das persoas teñen dereito a optar a outro tipo de subsidios contemplados xa noutras partidas.

É neste punto onde se ten provocado a confusión, posto que na última cifra facilitada polo Servizo Público de Emprego, inclúense tanto as persoas que remataron a prestación como o subsidio, pero o certo é que só o último grupo, é dicir o que xa rematou ámbalas dúas posibilidades, pode cobrar a axuda excepcional de 420 euros tal e como se indica nos requisitos do decreto estatal.

Os restantes 12.0000 son só referidos aos que rematan a súa prestación e que polo tanto aínda poden acceder a outros subsidios contemplados para os desempregados.

Desde a Consellería laméntase que se tente confundir e que desde o Ministerio se teñan dado dúas cifras dispares en pouco máis de dous meses, tentando incrementar unha cifra que na realidade non é tal.

Por iso, e ante esta problemática, a instancias da Consellería de Traballo esta mañá tivo lugar unha reunión entre responsables do departamento autonómico e o servizo público de emprego estatal, na que se plantexaron sistemas de coordinación entre ambas administracións.

Como resultado establecéronse protocolos de actuación para a tramitación desta axuda, de xeito que serán os funcionarios autonómicos os encargados de iniciar o proceso recollendo a solicitude e a documentación necesaria para, posteriormente, entregala a prestacións, departamento competencia do Ministerio de Traballo, que será o responsable de comprobar os requisitos e outorgar a prestación. A comunicación desta resolución chegará en tempo real tanto ao interesado como á administración autonómica, co fin de ter as cifras unificadas.

Tamén se falou dos itinerarios formativos que terán que realizar as persoas que reciban esta axuda. Sobre o seu contido e o seu desenvolvemento tratarase na Conferencia Sectorial que terá lugar en Madrid o próximo 26 de agosto.

Por último, tamén se analizou a posibilidade que está barallando o Servizo Público de Emprego de abrir algunhas oficinas nalgunhas tardes co fin de axilizar as tramitacións. Desde a Xunta amosouse a disposición de ofrecer a colaboración para estas aperturas, decisión que polo momento está en estudo.

A Consellería de Traballo e Benestar quere amosar unha vez máis a súa aposta polas políticas activas de emprego, que en Galicia están a dar resultados. Como exemplo, cabe destacar que, a data 16 de agosto, se ten acadado xa o 12% de contratacións dos 4.000 parados sen prestacións e subsidios ao abeiro da partida excepcional de 30 millóns incluída no Plan de medidas urxentes contra a crise.

Esta porcentaxe inclúese dentro da primeira fase do programa, que xa se está a facer efectiva a través dunha partida de 13,1 millóns posta en marcha o pasado 26 de xuño. No que se refire á segunda fase, xa se fixo efectiva a ampliación de crédito de 20,2 millóns publicada onte no Diario Oficial de Galicia.