27 agosto 2009

F-009 confía públicamente en ZP para la difusión del Xacobeo 2010

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, subliñou a confirmación de que o Goberno de España dedicará os medios e recursos suficientes á difusión do Xacobeo 2010, e avogou por que este sexa a marca da presidencia española da UE. Así o manifestou o máximo mandatario autonómico logo da xuntanza que mantivo co secretario de Estado para a Unión Europea, Diego López Garrido, quen avanzou que Galicia albergará consellos de ministros europeos e outras xuntanzas comunitarias de primeiro nivel.

“Ter a confirmación de que o Estado vai incluír medios e recursos suficientes para a difusión do Xacobeo na presidencia da UE é unha excelente noticia para Galicia, pero creo que tamén é unha excelente noticia para España”, resaltou Feijóo, quen sinalou que a celebración na Comunidade de consellos de ministros da UE proba que “o Goberno de España entende perfectamente que o Xacobeo 2010 pode ser unha marca magnífica para a presidencia española da UE”.

Na súa comparecencia ante os medios de comunicación, o titular da Xunta expresou a “total disposición” do Goberno galego a “colaborar lealmente co Goberno de España a prol do éxito da presidencia da Unión Europea”, desde o convencemento de que isto redundará no éxito de España e de Galicia. Nese sentido, Feijóo salientou que a presidencia da UE debe ser unha oportunidade para empezar a “gañarlle a partida á crise económica”, e defendeu que esta sexa unha das prioridades do Goberno de España.


Proxección exterior e converxencia económica, obxectivos galegos
O xefe do Executivo autonómico afirmou que Galicia debe aproveitar o semestre da presidencia europea, coincidente co Xacobeo, para mellorar a súa imaxe exterior, reivindicando a achega á construción europea que supón o Camiño de Santiago e simbolizada a Praza do Obradoiro. Ao mesmo tempo, defendeu o impulso de políticas que lle permitan a Galicia avanzar na converxencia económica coas rexións máis desenvolvidas da UE.

“Mellorar a imaxe exterior de Galicia e avanzar na converxencia económica serán os dous grandes obxectivos” da Comunidade durante a presidencia española da UE, afirmou o presidente da Xunta.

Nese sentido, sinalou que na reunión desta mañá lle entregou ao secretario de Estado para a UE un informe coas prioridades galegas de cara á presidencia de quenda, divididas en dous bloques, un institucional e outro sectorial. No tocante ao bloque institucional, o titular do Goberno galego sinalou que, dado que o Tratado de Lisboa pretende incrementar o papel dos órganos lexislativos rexionais, Galicia reclama que os parlamentos autonómicos poidan ser escoitados e emitir informes “cando a UE lexisle sobre materias de competencia exclusiva da Comunidade Autónoma”.

Ademais, Alberto Núñez Feijóo avanzou que Galicia solicitará que, no caso de que se estenda a lexitimación activa ante o Tribunal de Xustiza da UE, o Parlamento autonómico a poida exercer a través dos mecanismos legalmente previstos, o Congreso da nación ou o Comité de Rexións.

Fin do veto á construción naval civil en Astano e reforma da política agraria común
O presidente da Xunta reiteroulle hoxe a Diego López Garrido a reivindicación que xa lle expresara na reunión da Moncloa ao presidente do Goberno, José Luis Rodríguez Zapatero, en relación coa necesidade de aproveitar a presidencia española da UE para levantar o veto á construción naval civil no estaleiro de Astano, en Fene.

Feijóo reclamou como unha “necesidade obxectiva e de racionalidade económica” que as instalacións de Astano se poidan utilizar por estaleiros privados para facer buques, e evitar así “ter que levar moitos deses buques a outros estaleiros para facer o casco, como consecuencia de que non hai diques con esas dimensións nos estaleiros privados galegos”.

Por outra banda, o xefe do Goberno galego puxo de manifesto a “grave crise” que atravesa o sector leiteiro galego, e defendeu unha reforma da política agraria común e medidas encamiñadas a acabar co “dumping doutros países da UE que debilita o noso sector lácteo”. Así, confiou en que o próximo consello de ministros da UE, que se celebrará en setembro, sirva para por en marcha iniciativas como a ampliación das axudas que se poden percibir polo regulamento de mínimis, e redefinir os prezos de intervención do leite en po e da manteiga para retirar do mercado os excedentes non absorbidos.

O titular da Xunta solicitou ademais que a presidencia española da UE impulse unha reforma da política pesqueira común e avanzou que a Xunta “será leal” e presentará propostas nese sentido.

Unha “aterraxe suave” para as rexións que deixen de ser obxectivo 1
Alberto Núñez Feijóo transmitiulle a Diego López Garrido a preocupación por que as rexións que, como Galicia, deixarán de ser obxectivo 1 no reparto de fondos estruturais a partir de 2013, teñan unha “aterraxe suave” á nova realidade, e pediu que esta inquedanza sexa tida en conta na presidencia española da UE. Así, explicou que un grupo de 16 rexións na mesma situación está a manter xuntanzas para promover medidas compensatorias que permitan unha “diminución suave, unha aterraxe suave para poder ir completando as infraestruturas que se puxeron en marcha nestes últimos anos”.