26 enero 2009

Os mariscadores de Pontevedra poderán volver a comercializar os seus recursos en fresco unha vez que unha parte do banco de Praceres pasa a zona B

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, e o Conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, Manuel Vázquez Fernández, informaron esta tarde da situación das zonas de produción de moluscos bivalvos e outros invertebrados na nosa comunidade, así como das actuacións de mellora realizadas nos sistemas de depuración nas rías galegas. Así, tal e como anunciou Carmen Gallego, os resultados das últimas mostraxes do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), encargado da realización das análises da calidade das augas, amosan unha mellora nun total de oito zonas de produción marisqueira, o que permitirá en breve mudar a súa catalogación de “C” a “B”, e nalgúns casos de “B” a “A”.

Deste xeito cambiarán a súa clasificación de “C” a “B” a parte interna da Ría de Cedeira, a Enseada dos Moteis en Pontedeume, a parte interna da Enseada de Muros, e a zona Norte do banco marisqueiro de Praceres na Ría de Pontevedra. Tamén mudará de “C” a “B” a zona de produción de gasterópodos situada na parte externa da ría de Corcubión. Así mesmo, tres áreas adquirirán agora a catalogación de zona “A” como Cabo Prior Doniños, a parte externa de Fisterra-Carnota e a parte externa da Ría de Pontevedra.

En total, os profesionais do mar de dez confrarías de pescadores galegas poderán beneficiarse destes cambios. Trátase dos pósitos de Cedeira, Pontedeume, Corcubión, Fisterra, Lira-Carnota, O Pindo-Carnota, Muros, Pontevedra, Lourizán e Bueu. Os cambios nas zonas de produción que actualmente están catalogadas como zona “C” significarán que, a partires do momento no que se fagan efectivos, os mariscadores poderán volver a traballar nestas áreas e poderán comercializar os recursos que capturen en fresco, previo paso por un proceso de depuración.

No caso concreto de Pontevedra e Pontedeume, nos que un total de 491 mariscadores están a percibir actualmente as axudas da Consellería de Pesca, poderán volver a traballar nos seus bancos marisqueiros cando as circunstancias así o permitan. Estas axudas son aportadas pola Administración pesqueira galega en forma de plans de traballo no que participan os profesionais do mar destas localidades. Para Pontevedra, a achega ata finais de xuño ascende a máis dun millón de euros, e no caso de Pontedeume a algo máis de 190.000 euros. Unhas aportacións que se poderían ver reducidas en caso de que os mariscadores puideran voltar ao traballo de modo normal.

Con estes cambios, anunciados hoxe polos conselleiros de Pesca e Medio Ambiente, Galicia contará por primeira vez dende a publicación da Orde do 8 de setembro de 2006, con tres áreas de produción de moluscos bivalvos que teñen clasificación de zona “A”, xa que ata o de agora esta só era común nas áreas de cultivos mariños e nas de produción de gasterópodos e equinodermos.

Así se lles transmitiu esta mesma tarde aos representantes do sector pesqueiro afectados por estas modificacións, que mantiveron unha xuntanza co director xeral de Recursos Mariños, Antonio García Elorriaga, e co responsable do Intecmar, Xosé Manoel Romarís, para darlles conta das permutas que se van a levar a cabo nas oito zonas de produción citadas e a situación actual da depuración nestas augas.

Lexislación que establece a catalogación
Durante o ano 2006 a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos e o Intecmar realizaron unha revisión das zonas de produción que deu como resultado a publicación da Orde do 8 de setembro de 2006 pola que se declaran e clasifican as zonas de produción de moluscos bivalvos e outros invertebrados mariños nas augas de competencia da comunidade autónoma de Galicia. Esta normativa dá cumprimento, á súa vez, á regulamentación comunitaria e estatal referida á calidade microbiolóxica das augas para a cría de moluscos e outros invertebrados.

Nesta norma clasifícanse as zonas de produción de moluscos bivalvos, cultivos mariños, gasterópodos e equinodermos como “A”, “B” ou “C”, en función da calidade das augas. Os recursos extraídos na zona “A” poden venderse directamente para o consumo en fresco, os procedentes de zona “B” deben pasar por un proceso de depuración antes de chegar ao consumidor e, finalmente, os produtos de zona “C” teñen que ser consumidos tras a súa reinstalación en zonas “B” durante períodos prolongados ou ben dirixilos á industria da transformación.

Coa publicación da Orde do 8 de setembro produciuse unha diminución importante das áreas produtivas de moluscos bivalvos clasificadas como “C” con respecto á anterior catalogación do ano 2002. Isto foi debido á unha mellora na calidade das augas e tamén ao aumento dos puntos de mostraxe realizados polo actual Goberno galego. Deste xeito, se no 2002 existían 48 zonas de produción e delas un total de 13 estaban clasificadas como C, na normativa actual catalogáronse inicialmente 16 zonas C dun total de 70 áreas de produción en toda Galicia. Desta forma, a redución destas zonas chega ata o 50 por cento respecto á medición anterior.

Pero os cambios anunciados hoxe non son os únicos que se produciron dende a publicación da Orde do 8 de setembro de 2006. En decembro dese mesmo ano a parte interna da ría de Aldán e a parte interna da ría de Pontevedra mudaron a súa clasificación de “C” estable a “B” provisional, ao igual que a Enseada de Baiona no mes de abril de 2007. Ademais, ese mesmo mes cambiaron de “B” a “C” a parte externa e interna da Ría do Burgo, a parte externa da Ría da Coruña e a Foz do Miñor de Baiona, e de novo a parte interna da Ría de Pontevedra, por amosar as mostraxes unha importante carga microbiolóxica nestas augas.

Medidas para paliar os efectos de zona C por parte de Pesca
Para paliar a difícil situación económica á que se ven abocados os profesionais do mar cuxas zonas de produción están catalogadas como “C”, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos puxo en marcha unha serie de plans de traballo nestas zonas, que foron consensuados co propio sector, co fin de realizar traballos de rexeneración, limpeza e remoción do substrato dos seus bancos marisqueiros, entre outros labores. Así, estanse a desenvolver dende o ano 2006 estas actuacións na Ría de Ferrol, no que están implicados os mariscadores a pé e a flote das confrarías de Ferrol, Mugardos e Barallobre; na Ría de Pontevedra, no que están a participar as confrarías de Pontevedra, Raxó e Lourizán; na Ría do Burgo, apoiando aos mariscadores a pé e a flote que traballan nesta zona; en Miño, e na Foz do Miñor en Baiona. Tamén se está a colaborar por primeira vez este ano cos profesionais de Pontedeume e aportouse axuda ás mariscadoras de Corcubión durante un tempo determinado.

Dende a posta en marcha destas medidas por parte da Consellería de Pesca, a Administración galega achegou máis de 29 millóns de euros para esta finalidade. Para este ano 2009 o presuposto previsto para este fin e que recolle o Orzamento xeral da Consellería ascende a máis de 16 millóns de euros. Este orzamento adícase aos convenios de colaboración coas devanditas entidades, que terán vixencia ata o vindeiro 30 de xuño.

14,5 millóns en investimentos da Consellería de Medio Ambiente
Derivada da situación crítica nalgunhas zonas, a Consellería de Medio Ambiente estableceu un plan de actuacións en abril de 2007 destinadas a reducir a carga microbiolóxica nos bancos marisqueiros que dende a publicación da Orde do 8 de setembro de 2006 cambiaron a súa clasificación provisional de “B” a “C”. Así mesmo, estableceu medidas a curto e medio prazo noutras zonas susceptibles de sufrir o mesmo cambio polos niveis de coliformes e mellorar, deste xeito, os problemas de depuración das augas residuais urbanas herdados do anterior goberno da Xunta.

Así, as zonas consideradas de maior emerxencia e onde se plantexaron inicialmente os traballos para a mellora da depuración foron a ría de Pontevedra, A Coruña, Vigo e Arousa, todas elas con zonas de produción de moluscos que pasaron temporalmente no mes de abril de 2007 de B a C. O orzamento inicial achegado polo departamento de Manuel Vázquez para estas actuacións foi de máis de 8,2 millóns de euros.

Ademais destas accións, o plan de emerxencia posto en marcha pola Consellería de Medio Ambiente estableceu unha batería de actuacións prioritarias para reducir o aporte xeral de carga microbiolóxica ao conxunto das rías galegas. Centrouse nas carencias estruturais detectadas en depuradoras que verten ao mar, cuxa corrección supón un custe de máis de 6,2 millóns de euros. Estas plantas depuradoras son as de Neda, Cabanas-Pontedeume, Sada, Meaño, Padrón-Lestrove, Vilagarcía de Arousa, O Barqueiro, Cee-Corcubión, Ponteceso, Serra de Outes, Bueu, Sanxenxo, Teis e Viveiro.

Así, o Goberno galego puxo a disposición destas medidas relacionadas coa depuración das augas nas zonas que máis o precisaban para tentar mellorar a súa clasificación, un total de 14,5 millóns de euros en 22 depuradoras melloradas e ampliadas nas rías galegas. Trátase das instalacións de Betanzos, Boiro, Cee-Corcubión, Miño, Neda, Pontedeume, Rianxo, Sada-Mera, Serra de Outes, Padrón, Bueu, Cambados-Vilanova-Ribadumia, Cangas, A Illa de Arousa, Nigrán, Pontevedra-Marín-Poio, Redondela, Sanxenxo (Paxariñas), Soutomaior (Arcade), Vigo-Teis, Vilagarcía e Meaño.

Paralelamente á mellora das depuradoras xa existentes nas rías, a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, está a mobilizar, en algúns casos xunto co Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Medio Mariño, máis de 600 millóns de euros no saneamento integral das rías galegas. Nesta inversión inclúense ás 27 novas depuradoras que están a ser financiadas na súa totalidade polo Goberno galego, das cales 21 xa foron licitadas no 2008. Hai que engadir, tamén, as de interés xeral que cofinancian o Estado e o Goberno autonómico, como as de Ferrol, A Coruña ou a futura de Vigo.

Ademáis, a posta en marcha do Plan de Control de Verquidos por parte de Augas de Galicia ten conseguido, no seu primeiro ano de vixencia, que se teñan eliminado máis de 1.500 puntos de verquido en Galicia Costa, o que supón case o 50% dos existentes.

O obxectivo deste paquete de medidas é inverter o máis rápido posible a cualificación das zonas de marisqueo clasificadas como “C” e mellorar a calidade microbiolóxica das augas, tal e como se está demostrando cos datos ofrecidos no día de hoxe polas consellerías de Pesca e Medio Ambiente.

Os cambios que se producirán en breve na clasificación das zonas de produción e anunciados hoxe pola Conselleira de Pesca e o Conselleiro de Medio Ambiente, son a resposta ao bo traballo realizado pola Xunta para a mellora dos sistemas de depuración.