20 enero 2009

Vigo : As primeiras Xornadas de mocidade e sexualidade celebraranse os días 23 e 24 de xaneiro no Verbum

VIGO (MORRAZO-tribuna).- O Museo Verbum- Casa das Palabras acollerá a primeira edición das Xornadas de mocidade e sexualidade os días 23 e 24 de marzo, segundo anunciaron este luns o director xeral de Xuventude e Solidariedade, Rubén Cela, e a concelleira de Xuventude de Vigo, Iolanda Veloso. Segundo salientaron, o programa, que dará comezo o venres coa inauguración a cargo do vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, e o relatorio da escritora e sexóloga Valerie Tasso, “ten vocación de permanencia na cidade de Vigo”.

“Quixemos que o goberno galego non fora alleo ás cuestións que teñen que ver coas relacións afectivas e sexuais”, explicou o director xeral de Xuventude e Solidariedade, quen sinalou que neste sentido naceron os centros Quérote, que centrarán parte do programa das xornadas. Asemade Rubén Cela destacou o plantel de profesionais que integra a programación. “Tentamos que fose o máis potente posible dentro do Estado, de xeito que Galiza sexa referenza inescusable nos temas afectivos e sexuais ”, subliñou ao respecto. Na súa intervención agradeceu ao Concello de Vigo e en especial á concelleira de Xuventude “polas facilidades dadas para organizar estas xornadas”. Iolanda Veloso, pola súa banda, salientou a necesidade de “seguir formando á mocidade nos temas de sexualidade e ofrecendo información acaída sobre os temas que lles preocupan aos mozos e ás mozas”.

O venres, día 23, tras a inauguración oficial a cargo de Anxo Quintana, o primeiro relatorio correrá a cargo da escritora e sexóloga Valerie Tasso, quen falará da “Sexualidade hoxe”. Ás 12.30 está prevista unha mesa redonda sobre “A mocidade vista dende a sexoloxía”, moderada por Ramón Medina González-Redondo, director xeral de Saúde Pública. Nela participarán o director especialista en Sexoloxía da Universidade Camilo Jose Cela e xefe do servizo de promoción da saúde do Concello de Leganes, Carlos de la Cruz; a educadora sexual e membro do Gabinete de Formación Sexual Louise Bourgeois, Debora Baz; a sexóloga, psicóloga e presidenta da Federación española de Sociedades de Sexoloxía, Miren Larrazabal; o profesor titular da Universidade de Salamanca, Eugenio Carpintero; o educador social e experto en infancia e adolescencia, Federico Armenteros.

Xa pola tarde, ás 16.30 horas terá lugar o relatorio sobre “A rede de Centros Quérote”, da directora do Servizo Galego de Igualdade, Ana Luísa Bouza. Ás 17.30 horas celebrarase unha mesa redonda sobre “Xeitos de organizar a atención sexual”, que será presentada por Eduardo Yánez González, presidente da Asociación Galega de Contracepción. Nela participarán a médica e directora do Centre Jove de Barcelona, Rosa Ros; o licenciado en Psicología, máster en Sexología polo IN.CI.SEX. e codirector do Instituto de sexología e psicoterapia AMALTEA de Zaragoza, Silberio Saéz; a sexóloga e representante da Asociación Asturiana para la Educacion Sexual (Astursex), Ana Fernández Alonso; o médico no centro de planeamento familiar (C.O.F.) Municipal-SERGAS da Coruña, Xosé Vidal e o presidente do Instituto Portugués de Xuventude, Vitor Dias.

O sábado, día 24, a xornada comezará as 10 horas co relatorio “Cara unha nova orde sexual”, a cargo do director do centro de formación e atención Biko Arloak de Bilbao, Jose R. Landarroitajauregi. Ás 12 horas celebrarase unha mesa redonda sobre “A construción de Homes e Mulleres”, moderada por Benita Martínez García, vogal da Sociedade Galega de Sexoloxía. Nela participarán Mercedes Oliveira, doutora en Filosofía e Ciencias da Educación, escritora e profesora no IES Alexandre Bóveda de Vigo; Rosa Abenoza Guardiola, directora da Asesoria Madrileña de Sexoloxía (AMS); Fernando Barragán, doutor en Filosofía e Ciencias da Educación, profesor da Universidade da Laguna e investigador principal do proxecto Arianne
sobre masculinidades, igualdade e xénero en Europa; Pilar Sampedro, sexóloga, psicóloga e directora da Clínica do Centro de Terapia Sexual e Mediación Familiar.