21 enero 2009

Touriño dice AHORA que hay que controlar más a la concesionaria de la AP-9

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, ratificou hoxe o esforzo “extraordinario, serio e contundente” que o Goberno galego está a facer en materia de seguridade vial, conservación e mantemento de estradas para dotalas dos medios e recursos necesarios para o seu correcto funcionamento, e demandou o impulso de medidas de control sobre a concesionaria da AP-9 para evitar situacións anómalas derivadas da climatoloxía adversa.

Así o manifestou hoxe na rolda prensa posterior á reunión do Consello da Xunta, onde expresou a súa preocupación polas alteracións do tráfico rexistradas onte na AP-9 como consecuencia da nevarada caída na nosa comunidade. “Non é de recibo o que está pasando na xestión desta situación por parte da concesionaria AP-9 como consecuencia da nevarada. Se están producindo situacións que deben ser modificadas positivamente e creo que aí o Ministerio de Fomento debe impulsar as medidas e o control necesario sobre a concesionaria para que non se produzan situacións estrañas, paradóxicas ou anómalas na xestión dunha situación certamente conflitiva producida tras unha nevarada intensa”, abondou o presidente.

“Estou dicindo que desde a Delegación do Goberno para autopistas de peaxe do Ministerio hai que seguir enriba da concesionaria, plantexando e vixiando, inspeccionando e controlando; en definitiva, marcándolle a pauta á concesionaria para que garanta o mellor servizo”, afirmou.

Galicia conta con recursos e medios
“Hai recursos, hai medios”, aseverou o mandatario galego. “Creo que no ámbito das estradas autonómicas se funcionou razoablemente e hai un esforzo extraordinario en conservación, mantemento e seguridade vial”, proseguiu. Segundo Touriño, as cifras reflicten o esforzo “serio e contundente” que se está facer neste país “en contraste co que se fixo antes”. “Hai un esforzo serio e contundente para dotarnos de medios e de recursos”, apostilou o presidente.

O titular da Xunta apelou a ter “un certo sentido de cordura” ante as críticas vertidas polos incidentes rexistrados onte nesta autopista. “Eu comparto as dificultades, as críticas pero hai que ter un certo sentido de cordura. Isto non é Suíza nin son Os Alpes e non temos o mesmo aparataxe nin recursos para algo que necesitamos en menos ocasións”, enfatizou. “Temos que ter recursos, os recursos teñen que responder pero cada país ten que ter os recursos apropiados en función da súa climatoloxía e das súas necesidades”, aseverou.

O titular da Xunta referiuse ás enmendas do PP aos orzamentos deste ano nas que, asegurou, non figura ningunha partida para tal efecto. “Hai que advertir que nas enmendas aos orzamentos deste ano o PP reducía a cero a partida destinada a este efecto. Non lle preocupaba ao máis mínimo dentro da súa alternativa orzamentaria”, sinalou.

Fronte a iso, o máximo mandatario galego contrapuxo a acción do seu Goberno e lembrou que ante as promesas incumpridas do anterior Executivo, baixo a súa presidencia e co “Goberno do Cambio”, levantouse a peaxe de Rande. Segundo o titular da Xunta, “agora hai á fronte do país un Goberno que se preocupa pola seguridade vial, constatable e demostrable; agora hai un país que herdamos con 27 quilómetros de autovías libres de peaxe e o deixamos con 134. Un país, -proseguiu-, que destina millóns e millóns de euros á conservación e mantemento das nosas estradas e que dedica millóns de euros a pagar aos expropiados aos que non se lles pagaba e estaban acumulados no seus pagos”, remarcou.

Pérez Touriño considerou a proposta do PP para que a AP-9 sexa de titularidade pública “unha falta de respecto ao electorado e á verdade”. “Hai quen pode crer que o electorado non se entera. Iso é unha falta de respecto ao electorado. Eu nunca sería capaz, despois de vender a AP-9 e de prorrogar a peaxe 25 anos sen xustificación algunha, de danar o interese de Galicia e, cando chegan unhas eleccións, ao día seguinte dicir que a compremos”.

“É unha falta de respecto e en política o último que se pode perder é o respecto á cidadanía e á verdade”, apostilou.

Preocupación por que os emigrantes poidan votar e porque o fagan con garantías
A preguntas dos xornalistas sobre a recente resolución da Xunta Electoral Central ao respecto do voto emigrante, Emilio Pérez Touriño asegurou que a súa preocupación como presidente segue a ser “que se respecte, se impulse, o dereito a voto de todos os cidadáns que teñen dereito a voto en cada elección, polo tanto garantir e traballar para que se poida exercer sen dificultade e sen restricións e incentivar a participación electoral de todos os cidadáns con dereito a voto sexa cal sexa a súa circunscrición electoral”. Ao mesmo tempo, o presidente resaltou que debe garantirse que ese dereito ao voto se realice de acordo con todos os requisitos que establece a lexislación.

O máximo mandatario autonómico constatou que a resolución se produce “cando están procesos electorais abertos, e en particular co proceso electoral das eleccións autonómicas xa aberto, xa convocadas as eleccións”, e engadiu que a súa preocupación é que “isto permita incrementar as garantías do voto emigrante e que os emigrantes poidan seguir votando se é que teñen ese dereito, e se cumpren as condicións”.

O titular da Xunta sinalou o feito de que “os que agora aplauden e presentan esa posición e ese recurso diante da Xunta Electoral cando dirixían Correos e tiveron a responsabilidade de gobernar o país non se acordaban de facer este plantexamento ou de introducir este tipo de requisito”.

Pérez Touriño remarcou que mantén o seu convencemento de que “necesitamos abordar a reforma da Lei electoral e facer un plantexamento previo e un marco regulatorio que garanta plenamente o exercicio dese dereito de voto en condicións absolutas de garantía antes dos procesos electorais”. Sería, insistiu, “altamente convinte”, polo que avogou por “seguir traballando nesa dirección”, que definiu como “a tarefa pendente”.

Aproveitar as oportunidades para a automoción
O titular do Executivo autonómico sinalou, por outra banda, que agarda que Galicia aproveite “ao máximo posible” as oportunidades do Plan da automoción activado desde o Goberno de España en colaboración coas comunidades autónomas. Expresou a súa confianza en que o sector da automoción galega se beneficie das iniciativas de futuro no recollidas dentro dese plan no terreo “dos plans de competitividade e de viabilidade, no terreo de ir cara ao transporte limpo, no terreo de mellorar todos os aspectos que teñen que ver coa formación dos recursos humanos, no terreo de mellorar todos os mecanismos de organización das liñas produtivas e, en definitiva, das liñas que abre o Plan do Automóbil”.

Nesa dirección, engadiu Pérez Touriño, a industria do automóbil galega conta “con todo o apoio da Xunta e co traballo das tres consellerías implicadas, Industria, Economía e Traballo”, para que sexa capaz de “presentar as mellores propostas para que nesa concorrencia competitiva reforcemos a competitividade, aínda máis se cabe, do sector do automóbil de Galicia”. Ademais, resaltou que está a manter contactos co presidente do Goberno de España e co ministro de Industria para garantir que “en todo caso Galicia teña unha boa posición e o sector da automoción saia reforzado”.

Xunto con isto, o presidente galego remarcou a vontade de, desde o Goberno autonómico, seguir traballando “no inmediato” para afrontar as dificultades que nos próximos meses e ao longo deste ano ten que afrontar a industria do automóbil galega, e, polo tanto “para evitar situacións traumáticas no campo laboral e para axudar a superar calquera situación deste tipo que se poida producir tanto na industria matriz como nas de compoñentes.