VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- A deputada do BNG, Olaia Fernández Davila, expresou esta mañá no Pleno do Congreso o apoio do BNG á participación dun continxente militar español na denominada “Operación Atlanta” da UE para protexer aos buques pesqueiros que faenan en augas cercanas a Somalia e para loitar contra a piratería.
Olaia Fernández Davila comezou a súa intervención facendo alusión aos dados publicados polo Centro de Información da Piratería (organismo adscrito á Axencia Marítima Internacional) que falan de 42 barcos secuestrados e 815 membros de tripulacións retidos en augas somalíes no 2008. “Cifras que testemuñan o alto grao de perigosidade existente na zona”.
Ademáis, puntualizou a deputada do BNG, hai que ter en conta que os piratas somalíes actúan cada vez máis lonxe, en lugares cada vez máis alonxados da costa e fóra das súas augas territoriais.
Davila afirmou que “non podemos desinhibirnos desta situación que nos afecta directamente”, e nese sentido, mencionou o secuestro do atuneiro vasco “Playa de Bakio” con mariñeiros galegos.
Garantir a seguridade no exercicio da actividade pesqueira
Puxo de manifesto que moitos barcos pesqueiros da frota galega faenan en augas próximas a Somalia, e “coñecemos de primeira mán a angustia e a preocupación das familias dos mariñeiros cada vez que emprenden viaxe a esa zona. E comprendemos os sentimentos de medo dos traballadores do mar cada vez que van faenar naquelas augas”.
“Por esa raón, subliñou, o BNG vai apoiar a participación do Estado español na denominada “Operación Atlanta” da UE porque consideramos que ten o deber de ofrecer protección e seguridade aos nosos mariñeiros, e non pode ficar á marxe dun problema que afecta á frotas pesqueiras do Estado como a galega”. Referiuse, por tanto, a razóns de seguridade física e laboral, “ao dereito a pescar sen que periguen as vidas dos traballadores do mar”.
Asemade, Davila fixo alusión á situación interna de Somalia, un pais sacudido por “unha deriva política caótica, de desgoberno e de loitas intestinas”. “Un drama, afirmou, que debería chamar a atención da UE e da ONU porque se trata dun dos países con máis miseria, dominado polos señores da guerra e sen estructura administrativa nen política”. Salientou que Somalia vive o pior momento de violencia desde a guerra civil de 1991.
Preocupación do BNG pola grave situación humanitaria de Somalia: a UE tamén debe mirar para ese lado
Amosou a preocupación do BNG pola grave situación humanitaria existente nese pais, e demandou á Ministra de Defensa que “a UE tamén mire para ese lado e contribúa a normalizar a situación, unha vía que desde aquí instamos a traballar polo ben dos habitantes somalíes e porque estamos seguros que reducirá o problema da piratería”. Afirmou que a mellor solución é axudar a estabilizar a situación política para así abrir vías diplomáticas con Somalia en lugar “de enviar continxentes militares que sempre é o recurso a unha vía disuasoria”.