26 enero 2009

Touriño no escarmienta con la crisis y promete 40.000 empleos desde la obra pública en el 2009

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).-O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, avanzou esta mañá que o programa de licitación de obra pública, posto en marcha polo Executivo galego, permitirá mobilizar neste ano 2009 un total de 2.000 millóns de euros e crear 40.000 empregos. “O obxectivo que me plantexo é, neste ano 2009 -e cremos que imos cumprir, ao igual que o do ano pasado-, chegar a un volume de licitación de obra pública de 2.000 millóns de euros”, aseverou, explicando que, “se mobilizamos 2.000 millóns de euros de licitación e contratación de obra pública iso nos debe permitir xerar con ese programa de actuación 40.000 empregos a través da contratación polas empresas que accederán a esa licitación, a esa contratación e a esa mobilización de recursos”, engadiu. “Pódolles confirmar que o noso obxectivo é superar amplamente a cifra histórica do ano 2008, nun 30 por cento, e elevar a licitación a 2.000 millóns de euros”, aseverou ao respecto, destacando que máis do 70 por cento desta licitación o acapararán empresas galegas ou radicadas en Galicia, o que permitirá xerar emprego na comunidade.


Durante a xuntanza que o titular da Xunta mantivo cos responsables das entidades financeiras e das sociedades de garantía recíproca, na que participaron o conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio; o presidente de Caixanova, Julio Fernández Gayoso; o director xeral de Caixa Galicia, José Luis Méndez López; o presidente de Afigal, Antonio Fontenla Ramil; e o conselleiro de Sogarpo, José María Hidalgo González, Emilio Pérez Touriño transmitiulle os resultados deste programa de licitación pública acadados no pasado exercicio 2008. Así, o presidente galego explicou que mentres que o obxectivo que se marcou o Executivo autonómico para o 2008 se cifraba en 1.500 millóns de euros, o volume final de licitación de obra pública situouse en preto de 1.600 millóns, “o maior nivel de licitación de obra na historia da comunidade autónoma”, asegurou.

En 2009, triplicar o apoio financeiro con case 2.000 millóns de euros
Durante o encontro desta mañá, o titular do Goberno galego tamén lle trasladou ás entidades financeiras a vontade da Xunta de Galicia e do propio presidente de que, neste ano 2009, se mobilicen apoios financeiros por valor de 2.000 millóns de euros, practicamente triplicando o apoio as axudas financeiras que as pemes galegas recibiron ao longo do ano 2008, cun total de 750 millóns de euros.

“Os datos do ano pasado foron 750 millóns de euros”, insistiu Touriño explicando que en préstamos se concederon un total de 508 millóns de euros; 105 en concepto de subvencións; 62 en avais; e 75 en operacións de capital risco.

“Este é o balance de 2008. En 2009 pretendemos chegar en préstamos a 1.200 millóns de euros (en particular, en canto ás operacións de circulante serían 500, pero en total de préstamos 1.200); en avais 500 millóns; en capital de risco 118; e en subvencións 131 millóns de euros, aseverou remarcando que o obxectivo “é case triplicar a cifra do 2008”, de acordo a esta distribución de obxectivos.

Importe concedido de 50 millóns en 293 operacións
Así mesmo, na xuntanza desta mañá cos responsables das entidades financeiras e das sociedades recíprocas, tamén se avaliou o avance e o desenvolvemento das medidas específicas e “novidosas en España”, postas en marcha polo Goberno galego, en relación co apoio ao capital circulante, ao refinanciamento de pasivos e á ampliación de capital ás pemes.

En concreto, Emilio Pérez Touriño avanzou que o importe de axudas financeiras recollidas neste programa e “xa concedidas e executadas” é “altamente positivo”, xa que ascende a 50 millóns de euros (49.569.000 euros) en tan só dous meses da posta en marcha do programa. O presidente galego explicou que con estas axudas se impulsaron un total de 293 proxectos, cun importe medio de 170.000 euros por operación.
O desglose por liñas de actuación correspóndese, algo máis da metade, o 51 por cento, con medidas de apoio ao capital circulante e de apoio directo á liquidez; un 36 por cento para o refinanciamento de pasivos e en torno ao 12 por cento en ampliación de capital.

Segundo resaltou o titular do Goberno galego, o 93 por cento das axudas concedidas, co apoio do Igape e da Xunta, foi realizado a través das entidades financeiras Caixanova e Caixa Galicia, a quen Pérez Touriño lles agradeceu o seu papel “especialmente proactivo e comprometido”.

Así mesmo, o máximo mandatario autonómico incidiu en que estas operacións foron avaladas por un importe total de 10 millóns de euros por parte das sociedades de garantía recíproca, “practicamente en partes equivalentes, por parte de Afigal e Sogarpo”.

“A avaliación que hoxe faciamos desta xuntanza ao longo da mañá é que o programa de medidas é un programa positivo, que está tendo un importante nivel de execución e de desenvolvemento, con 50 millóns de euros a estas alturas e que, polo tanto, debe contribuír activamente á recuperación da actividade e a que ningún proxecto empresarial na nosa comunidade que teña viabilidade, que ten futuro, quede cortocircuitado, xugulado e mutilado por falta de liquidez e por falta de apoio”, concluíu ao respecto.

Sinatura co BEI dunha nova liña de apoio
Na súa comparecencia ante os medios de comunicación, logo da xuntanza, o presidente da Xunta avanzou, ademais, que neste mes de xaneiro “entra en acción” o seguro de pagos protexidos para activar o consumo para as persoas “que entran nunha situación ou en risco de desemprego”.

Así mesmo, avanzou que o próximo venres “asinaremos co Banco Europeo de Investimentos, unha nova liña de apoio financeiro, de préstamos por valor de 200 millóns de euros; e que tamén, de maneira inmediata, co instituto de Crédito Oficial, asumiremos créditos, novas liñas do ICO, tamén de maneira importante, tanto en relación coas novas liñas de crédito, como en relación co capital circulante”, concluíu.