PONTEAREAS (MORRAZO-tribuna).- Despois da difusión da revista “Bloque Informativo”, que recolle moitas das actuacións en Ponteareas promovidas polos nacionalistas dende as suas áreas de goberno na Xunta, esta fin de semana, o BNG abre a precampaña coa celebración de actos electorais en varias parroquias. Os nacionalistas teñen deseñado un calendario de actos que os levarán a todas as parroquias da localidade até o día 26. Ademais, celebrarán un mitin nacional coa presenza de Anxo Quintana, no que tamén intervirán Teresa Táboas e Roberto Mera. Este último terá unha presenza limitada en Ponteareas durante todo o mes de febreiro ao ter asumido responsabilidades na dirección nacional de campaña do BNG.
O BNG de Ponteareas afronta ás elecións do 1 de marzo ao Parlamento Galego “con toda a motivación, ilusión e intensidade para acadar un gran resultado”. Xosé Represas, Responsábel Local do BNG, afirmou que movilizarán todos os medios materiais e humanos: “os máis de 500 afiliados e simpatizantes da organización nacionalista en Ponteareas, volcaranse na precampaña e campaña para lograr un incremento dos apoios ao BNG que permita contar cun goberno galego encabezado por Anxo Quintana a partir do 1 de marzo, para ampliar as políticas transformadoras a todas ás áreas de goberno da Xunta”.
Ademais dos actos electorais, os nacionalistas editarán outra publicación cunha entrevista a Anxo Quintana, Teresa Táboas e Roberto Mera, farán un traballo porta a porta en todas as parroquias e, en xeral, abordarán a precampaña e campaña coa mesma intensidade que as eleccións municipais.
Xosé Represas fai un chamamento a todos os veciños e veciñas, “e especialmente a aqueles que converteron ao BNG na forza máis votada en Ponteareas nas últimas eleccións municipais, para que revaliden a súa confianza no nacionalismo para que Ponteareas siga avanzando, da man de Anxo Quintana e do BNG no goberno galego e de Kiko Paz e Roberto Mera como deputados no Parlamento Galego”.