COMPOSTELA (MORRAZO-tribuna).- O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu, elixiu os conceptos de “innovación” e “integración” para definir a Eurocidade Chaves-Verín, na xornada de presentación deste proxecto aos deputados na Asamblea da República de Portugal polo distrito de Vila Real, aos deputados por Ourense no Parlamento de Galicia e no Congreso dos Deputados e aos senadores por Ourense.
Na súa intervención referiuse á “cooperación de segunda xeración”, que é a que ten superada a etapa de aproximación entre institucións dos territorios de ambos lados da fronteira e que significa un proceso de construcción e unha cultura da cooperación -desde tradicións políticas, lexislativas e ás veces sociolóxicas distintas- para favorecer o diálogo, o entendemento e o intercambio.
Na súa intervención referiuse á “cooperación de segunda xeración”, que é a que ten superada a etapa de aproximación entre institucións dos territorios de ambos lados da fronteira e que significa un proceso de construcción e unha cultura da cooperación -desde tradicións políticas, lexislativas e ás veces sociolóxicas distintas- para favorecer o diálogo, o entendemento e o intercambio.
O mandatario considerou que o traballo realizado por Eixo Atlántico –impulsor do proxecto- comeza a render os seus froitos creando espazos de encontro, non institucionais ou políticos, senón espazos nos que os problemas cotiáns que afectan aos cidadáns a ambos lados da fronteira son comúns e demandan solucións máis avanzadas que as que tradicionalmente existen no contexto das sociedades estatais.
“Por iso, o gran valor do proxecto da Eurocidade Chaves-Verín é estar impulsado por entidades locais, con compoñente de proximidade e de servizo inmediato moi superior ao que teñen outros poderes dentro dos nosos respectivos estados”, asegurou. Lembrou así mesmo que “os grandes proxectos que teñen funcionado na UE teñen sido sempre baseados no espazo común de intereses, e non na creación de estruturas; ese ten sido o éxito formidable de medio século de institucións comunitarias”.
Aspecto integrador
Sobre o aspecto integrador da iniciativa, indicou que transcende o ámbito inmediato da cámara municipal de Chaves e do municipio de Verín e se proxecta sobre espazos territoriais e demográficos moito máis amplos; e constitúe un exemplo posible de aplicación a outros contextos.
O conselleiro avogou por evitar a creación de institucións que signifiquen redundancias sobre as xa existentes e que pola súa propia complexidade introduzan factores de división alleos ao espírito de cooperación que ata o de agora ten presidido este proxecto. Así mesmo, falou da necesaria incardinación deste proxecto na próxima creación da Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) de Galicia e Norte de Portugal por ser un instrumento que vai ter o respaldo desde o primeiro momento dos respectivos gobernos estatais e polo tanto terá os recursos e a capacidade de actuación que permita avanzar máis a présa nos seus proxectos.
“Ímonos ver obrigados a unha actuación multinivel, ante os organismos comunitarios de Bruxelas, sobre todo para conseguir marcos de financiamento suficientes”, afirmou. O conselleiro considerou que nos grandes proxectos de construcción supralocal é moi difícil que sexan asumidos dende un primeiro momento polos cidadáns, que “verán e aplaudirán os resultados”.
Destacou que, na actualidade, estanse a facer os estudos necesarios -a petición do Eixo Atlántico e do grupo de traballo da Eurocidade- para dimensionar a posible cooperación, por exemplo en materia sanitaria, entre as infraestruturas de Chaves e de Verín. Sobre ela indicou que fai falta algo máis que a dispoñibilidade dos recursos que, segundo dixo, “afortunadamente xa existen en gran medida”. Explicou que se deben abordar problemas de marco xurídico diferente de organización dos servizos sanitarios, que requiren vontade entre as administracións sanitarias e entre os gobernos, e onde confiou que este grupo conseguirá situar o nivel de dificultade para propoñer solucións adecuadas.