POIO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).-O candidato do BNG á presidencia da Xunta, Anxo Quintana, participou este serán nun acto de precampaña en Poio onde estivo acompañado polo alcalde da vila, Luciano Sobral, a número cinco da candidatura de Pontevedra, Carme da Silva, e a cabeza de lista, Teresa Táboas.
Na súa intervención, o portavoz nacional do Bloque pedíu ao goberno central que “deixe de marear a perdiz e que aporte claridade, luz e taquígrafos ao debate do financiamento autonómico”.
Na súa intervención, o portavoz nacional do Bloque pedíu ao goberno central que “deixe de marear a perdiz e que aporte claridade, luz e taquígrafos ao debate do financiamento autonómico”.
“Galiza non lle ten ningún medo á transparencia fiscal”, argumentou, “todo o contrario, seriamos os máximos beneficiados se se introducise un pouco de racionalidade no debate do financiamento autonómico”.
O líder nacionalista asegurou que “a estas alturas, séguenos parecendo indefendíbel un modelo de financiamento autonómico que consiste na relativa descentralización do gasto e na absoluta centralización dos ingresos. Se está descentralizado o gasto, ten que estar identicamente descentralizado o ingreso”.
O candidato do Bloque responsabilizou ao Partido Popular e ao seu líder Alberto Núñez Feijóo de que Galiza “afronte o debate do financiamento sen ter garantido un nivel mínimo de incremento de recursos. Se Galiza ten que afrontar esta situación”, continuou, “é porque carecemos dun Novo Estatuto e carecemos dese Novo Estatuto polo veto interposto polo PP”.
Para conseguir darlle a volta a esta situación e acadar un financiamento xusto para o noso país Quintana instou aos líderes dos partidos estatais en Galiza a que estabelezan en campaña electoral “cal vai ser a posición das súas respectivas formacións na vindeira lexislatura a respecto da necesidade de que Galiza se dote dun Novo Estatuto. Que aclaren agora á cidadanía se apoiarán o Estatuto que precisa o noso país para ter un financiamento acaído”.
Valentía política
Na súa intervención, o portavoz nacional e candidato á presidencia da Xunta polo BNG deu as claves do proxecto de goberno nacionalista que resumíu nos seus tres eixos centrais: “valentía política, un goberno sen ataduras e comprometido con Galiza”.
O líder do Bloque aludíu á necesidade de facer “política para a xente, porque nestes días fálase moito das grandes operacións bancarias e moi pouco da xente que ten problemas no seu día a día porque quedan no paro ou non poden pagar a hipoteca. Para eles é para quen quere traballar o BNG”.
Asi Quintana criticou o feito de que se teñan inxectado miles de millóns de euros á banca sen ter a cambio garantía algunha de que os cartos van repercutir en beneficio dos cidadáns. “Está ben apoiar á banca pero as pequenas e medianas empresas seguen tendo problemas cando van solicitar un crédito, por iso é tan importante que se cree un Instituto de Crédito Galego, para chegar alí onde a banca tradicional non chega e axudar a esa xente”.
O cartel nacionalista aludíu tamén a outras políticas transformadoras como a necesidade de constituír un grupo lácteo galego “que axude a vertebrar o rural e incremente os beneficios dos labregos e labregas”.
Teresa Táboas
A conselleira de Vivenda e candidata número 1 por Pontevedra, que reside no concello de Poio desde hai 24 anos, asegurou que os nacionalistas acoden a estas eleccións, “co aval do traballo feito”.
“Pedímoslles aos galegos que nos dean a súa confianza para seguir cambiando as non políticas do goberno anterior. En tres anos e medio cambiamos moitas cousas, e empezamos a cambiar outras que agora hai que rematar”, dixo a candidata nacionalista.
Nesa liña, lembrou algunhas as actuacións da consellaría de Vivenda no concello de Poio. Nesa liña, recordou o investimento en rehabilitación de vivendas en Combarro: “En tres anos e medio levamos 50 vivendas rehabilitadas e quédannos 170 actuacións máis”, asegurou. Así mesmo, asegurou que o parque empresarial de Fragamoreira “significará un novo impulso á actividade económica de Poio e do resto da comarca de Pontevedra, o que é fundamental neste tempo de crise”.
No acto interviu tamén o alcalde nacionalista de Poio, Luciano Sobral