23 enero 2009

PP al ataque : "Os polo menos 14 imputados que acumula Touriño ás súas costas na actual lexislatura revelan o seu respecto á legalidade"

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- Unha vez personado para exercer a acción popular nas dilixencias previas que se seguen no xulgado de instrución número 1 de Coruña a raíz dos vertidos contaminantes continuados ao río Lengüelle procedentes do vertedoiro que Sogama posúe na Areosa (Cerceda) o PPdeG inta ao conselleiro de Medio Ambiente a pronunciarse sobre os feitos que poderían ser constitutivos dun delito continuado contra o medio natural.
O portavoz parlamentario do PPdeG, Manuel Ruiz Rivas, considera obrigado ese pronunciamento e recorda que na última ocasión na que o portavoz de Medio Ambiente do Grupo Popular amosou evidencias deses vertidos no Parlamento, Manuel Vázquez insistiu en negar eses feitos, e dixo que Jaime Castiñeira pasaría á historia como “cantamañanas” se non trasladaba eses feitos ao xulgado.

O PPdeG recorda que nos últimos meses ten formulado reiteradas peticións de comparecencia do conselleiro de Medio Ambiente para que explicase no Parlamento a sucesión de anomalías cometidas polo presidente de Sogama, desde o vertido continuados de lixiviados tóxicos que van parar un afluente do Tambre, do que se abastece de auga a cidade de Santiago e outras poboacións do seu contorno; ata a adxudicación irregular dun contrato por valor de 19 millóns de euros para a automatización da planta de Cerceda.

Sen embargo, Manuel Vázquez negouse sistematicamente a dar explicacións destas anomalías no Parlamento e, coa complicidade do BNG, rexeitou tamén a creación dunha comisión de investigación proposta polo Grupo Popular.

As evidencias de graves irregularidades, tanto de carácter ambiental, como na xestión da empresa pública, e a negativa reiterada da Xunta a ofrecer explicacións no Parlamento, obrigou ao PPdeG a personarse no caso para exercer a acción popular.

LONGA NÓMINA DE IMPUTADOS

Recorda o PPdeG que a xestión de Manuel Vázquez á fronte da Consellería de Medio Ambiente está trufada de anomalías que o farán pasar á historia como o responsable do departamento autonómico con maior número de imputados nunha lexislatura. Aos oito imputados polas irregularidades de Sogama, súmanse os dous responsables de Medio Ambiente encausados tamén polo desastre ecolóxico do encoro da Fervenza, en novembro de 2007.

Se a estas dez persoas se lles suman os catro imputados pola adxudicación irregular da autovía da Barbanza, queda en evidencia que o respecto á legalidade non foi, precisamente unha prioridade para o Goberno de Touriño, enfatiza o PPdeG.