27 enero 2009

O vicepresidente da Xunta, o reitor da Universidade de Vigo e o tenente alcalde de Vigo asinaron a creación da primeira Galescola na Universidade

VIGO (MORRAZO-tribuna).- O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana,
apuntou que un dos proxectos máis importantes do Goberno galego para esta lexislatura era o de conseguir darlle á educación de 0 a 3 anos a categoría de proxecto educativo, ampliar a súa cobertura e sobre todo facelo en rede, superando así, o concepto prehistórico das garderías.
Quintana destacou hoxe en Vigo, na sinatura do convenio para creación da Galescola do campus da cidade olívica, que antes do ano 2005, a cobertura na educación infantil de 0 a 3 anos, era “escasa, pequena e tremendamente atomizada”. Había que deixar a atrás, segundo sinalou, a “prehistoria das garderías e pasar a un proxecto educativo de calidade das escolas infantís”. Esta labor, sinalou, debía ser unha acción do Goberno e, polo tanto, “debía de ser xestionada e dirixida dende a administración pública autonómica, iso si, coa colaboración doutras instancias que podían e debían de participar”.

Neste obxectivo, apuntou o vicepresidente, “temos avanzado considerablemente”, xa que en 3 anos e medio, “fomos capaces de aumentar nun 69% o número de prazas públicas de educación infantil no período de 0 a 3 anos, pasando das 6.565 prazas públicas do 2005 ás 11.134 que temos na actualidade”. Para o vicepresidente, dificilmente en calquera outro servizo público se podería ver unha progresión tan grande en tan pouco tempo ao longo da historia da autonomía galega. Quintana sinalou, ademais, que, con todos os proxectos que hai en marcha e que xa están en construción, a finais do ano 2009 haberá en Galiza máis de 13.700 prazas públicas. Se a estas lle sumamos as prazas concertadas e as das entidades de iniciativa social, chegaríamos ás 18.300 a finais de 2009. Iso significa, explicou Quintana, que Galiza acadaría unha cobertura do 29´4%, preto da ratio que propón a UE, que é do 33% para o 2010. “Nos estaremos en condicións de cumprir e mesmo de superar esta recomendación”, sinalou Quintana, algo “especialmente meritorio” se temos en conta que no 2005 a taxa de cobertura estaba no 11´3%.

O vicepresidente destacou o importante papel que xoga a rede de Galescola, entendida como un proxecto educativo “galego e de calidade” porque é a primeira vez que se pon en marcha un proxecto educativo destas características para a franxa de idade de 0 a 3 anos, un proxecto sinalou, que “empezou de cero e que a mediados do 2009 pasará das 100 escolas adscritas”. A rede Galescola explicou o vicepresidente, “ponse en marcha dende a administración pública autonómica, sen abdicar das súas responsabilidades e competencias, pero buscando, ao mesmo tempo, a colaboración institucional con aquelas outras instancias que dado o carácter da educación infantil de 0 a 3 anos e a súa condición de instrumento de igualdade e conciliación, poden e deben participar na xestión das escolas infantís”.

Apertura da Rede Galescola á Universidade
O vicepresidente salientou que coa sinatura do convenio para a creación da Galescola do campus de Vigo, ábrese unha nova liña de cooperación coa Universidade de Vigo, ademais de reforzar a colaboración que se viña mantendo co concello da cidade olívica. Deste xeito, sinalou o vicepresidente, “dáse un gran paso porque os grandes pasos son aqueles que sentan exemplo para a poboación e o conxunto das institucións”.

Segundo explicou o vicepresidente, a Galescola do campus de Vigo é a primeira que se pon en marcha nun campus universitario e é o mellor exemplo da importancia que ten esta colaboración para a creación de recursos de igualdade e benestar en Galiza. O convenio que vimos de asinar, dixo “integra nese proceso de colaboración institucional á Universidade, como símbolo educativo do país e da sociedade”. Quintana destacou que se vai facer un esforzo inversor importante pero que o verdadeiramente importante é a intención de estender este proxecto ao conxunto dos campus de Galiza”. O vicepresidente resaltou que “cando poñemos en marcha unha Galescola, poñemos en marcha un servizo educativo, poñemos en marcha un servizo para a igualdade e a conciliación e pomos tamén en marcha un servizo xerador de emprego”.

Na Galescola do campus de Vigo van traballar 16 profesionais. Deste xeito, o Consorcio, a entidade que institucionaliza a colaboración entre os concellos e a Xunta, vai ter a finais do 2009, 1600 profesionais traballando, “1.600 novos postos de traballo estables e de calidade para configurar un Sistema Galego de Benestar no noso país”, salientou Quintana.

Pola súa banda, o reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago, destacou que coa creación desta Galescola estréitanse as relacións entre o campus de Vigo e a veciñanza. De feito, o 25% das prazas están reservadas aos veciños da zona, mentres que o 75% restante está destinado aos fillos e fillas da comunidade educativa do campus. O tenente alcalde do concello de Vigo, Santiago Domínguez, destacou a importancia da colaboración das distintas institución á hora de por en marcha servizos no eido da igualdade e do benestar.

Galescola do campus
Esta Galescola conta cun orzamento de 1,5 millóns de euros, dos que a Universidade achegará 900.000 e o Consorcio, como mínimo, 600.000. O centro terá 82 prazas para nenos de 0 a 3 anos, distribuídas en 6 unidades. Contará cun cadro de persoal composto por 16 traballadores, 4 mestras, 10 educadoras e 2 persoas de servizos xerais. As previsións da Vicepresidencia é que a Galescola comece a funcionar ao longo do ano 2010. Neste momento xa está redactado o proxecto.

Rede Galescola en Vigo e comarca
Á Galescola do Campus Universitario, súmase a da rúa Palencia, que xa está funcionando e a do Parque Tecnolóxico de Valadares, xa licitada, e que entrará en funcionamento no curso 2008-2009. Deste xeito, o concello de Vigo contará cun mínimo de tres Galescolas, con 255 prazas de educación infantil para nenos e nenas de 0 a 3 anos. Na posta en marcha destes centros investiranse máis de 3´1 millóns de euros, dos que arredor de 2´2 serán aportados polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

Ademais, 8 dos 11 concellos da comarca xa contan con galescolas integradas na rede, cun total de 475 prazas e 71 profesionais traballando nelas. As previsións da Vicepresidencia pasan por acadar no ano 2010, 1.338 prazas na comarca, o que supón un incremento do 91% con respecto ás prazas existentes no 2005.