VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- O secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda, amosa a súa “sorpresa” polas reticencias que está a amosar o PSOE respecto á decisión da Xunta Electoral Central de esixir que os emigrantes que desexen participar nas vindeiras Eleccións Autonómicas deban axuntar, canda o seu sufraxio, unha fotocopia do DNI ou do Pasaporte, fixando así unha mínima garantía anti-manipulación.
Tendo en conta que o procedemento acordado pola Xunta Electoral Central é semellante ao que tradicionalmente se ven utilizando para os residentes ausentes nas Eleccións Municipais –tamén denominado voto rogado, no que os emigrantes solicitan o voto a través dun escrito acompañado de fotocopia do DNI ou do pasaporte-, os populares galegos non entenden que a voceira de emigración do PSOE insista en criticar estas garantías, salvo que sexan a evidencia de que se confirmen prácticas similares ás da axente electoral.
Estas críticas de Sonería súmanse á negativa sistemática do PSOE a reformar a lei electoral para establecer o voto en urna, depurar o censo de residentes ausentes e establecer maiores garantías para o voto por correo procedente do exterior, como ven reclamando con insistencia o PPdeG para evitar calquera sombra de dúbida sobre estes sufraxios.
Sen embargo, a insistencia coa que o PSOE se está a opoñer á aplicación de garantías de transparencia no voto emigrante revela, a xuízo de Alfonso Rueda, as escuras intencións que baralla a formación de Touriño cara os comicios do 1 de marzo.