VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, destacou que, nesta lexislatura, se ten duplicado a rede de asociacións de empresarios galegos no exterior ao pasar das seis iniciais a un total de once. O titular do Goberno galego anunciou, ademais, que se está a xestionar a constitución de tres novas asociacións: a de Estados Unidos, a de Panamá e a de Chile. Touriño, que presidiu hoxe en Santiago o xantar coloquio Empresa- Comunicación: Unha Galicia aberta ao mundo ao que tamén asistiron o conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, e o de Traballo, Ricardo Varela, explicou que durante o seu mandato se constituíron as agrupacións de Arxentina, Sao Paulo, Río de Janeiro, México e República Dominicana.
“O obxectivo desta rede é fomentar o intercambio e os negocios entre Galicia e os diversos países, fundamentalmente de América, e evitar que se perda o capital humano que supón a galeguidade coa incorporación dos fillos e dos netos dos emigrantes”, asegurou o presidente galego. Pérez Touriño destacou que a rede inclúe convenios entre as asociacións de empresarios galegos, o IGAPE, a Confederación de Empresarios de Galicia, e as cámaras de comercio e que, grazas a esta colaboración, se organizan encontros anuais, axendas de sectores concretos e misións comerciais.
No transcurso da súa intervención, o presidente da Xunta destacou que esta rede supón, tamén, unha aposta pola formación de capital humano con becas de comercio internacional para intercambio. “O IGAPE concede 33 becas ao ano para titulados superiores, 25 de galegos para formarse no estranxeiro e 8 para descendentes de galegos para formarse en empresas galegos”, abondou o titular do Goberno galego.
“Galicia sabe que ten na comunidade de lingua que forma o castelán unha gran potencia, e unha gran capacidade de futuro e unha aspiración que non podemos perder. Entón a galeguidade, esa presenza tan forte e fabulosa é un factor de futuro de primeiro orden e de primeira magnitude”, apostilou. “Temos un compromiso para seguir facendo de ponte, para acercar culturas e para que esa milenaria unión a través dos tempos se perpetúe e se renove. Comprometidos coa rede social e cunha política de reinventar o futuro cara os fillos, netos e descendentes”, aseverou.
Fortalecer o papel de Galicia e a Eurorrexión
O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, avogou por que Galicia e a Eurorrexión que forma co Norte de Portugal fortaleza o seu papel como referente básico para a comunidade iberoamericana para constituír un canal natural de aproximación económica y cultural das rexións atlánticas europeas coas súas homólogas do outro lado do Atlántico.
O titular do Goberno galego considerou que Galicia debe “reinterpretar” a súa antiga posición de periferia e illamento en favor de fornecer os enlaces marítimos internacionais entre os dous lados do Atlántico. Segundo expuxo, a nosa posición na fachada atlántica supón unha vantaxe geoestratéxica que, xunto a nosa longa traxectoria na cultura empresarial do mar e uns excelentes servizos portuarios, “temos que aproveitar para constituír unha plataforma marítima avanzada”.
Pérez Touriño sinalou que o novo escenario de globalización económica supuxo un incremento nos fluxos de comercio e transporte, polo que estamos asistindo a un aumento na densidade de tráfico nos océanos. Así, avanzou que o proxecto europeo máis recente no campo das tecnoloxías de transporte marítimo quere converter as autopistas do mar nun elemento á vez ecolóxico e eficaz do sistema de transporte mundial.
Neste contexto, loubou a labor dos milleiros de emigrantes galegos que abriron surcos de galeguidade nos cinco continentes e irmandaron países, abrindo portas en ultramar e empuxándonos cara a modernidade. “Ensináronnos co seu exemplo e sacrificio que Galicia só pode ser unha man tendida, en xesto de paz e de solidariedade, a todos os homes e a todas as culturas”, salientou.
Transformar debilidades en puntos fortes
No decurso da súa intervención o presidente galego, destacou especialmente, a “maxistral lección de economía” que o pobo emigrante ten impartido, “de enorme utilidade nestes tempos de crise”, apuntou. “Demostraron que o progreso dos países está relacionado coa coraxe das súas xentes e coa súa capacidade de transformar debilidades intrínsecas en puntos fortes sobre os que facer pivotar a recuperación e o cambio”, remarcou Touriño.
O xefe do Executivo galego destacou a “permanente débeda“ que Galicia ten cos seus emigrantes, unha nova Galicia que axudaron a construír e que, segundo recalcou o presidente, ten un nivel de renta que en catro anos acadará a media europea, se se mantén o actual diferencial de crecemento que compite nos máis esixentes mercados da economía global e apura a súa plena incorporación á sociedade do coñecemento.
Pérez Touriño tamén salientou o feito de que Galicia teña conquistado o autogoberno, o dereito a xestionar os seus propios asuntos, no marco da transformación democrática que experimentou España e que ten aproveitado para a dotación de infraestruturas que vertebran o país e nos conectan non só co centro neurálxico da península, senón tamén coas grandes redes de comunicación europeas.
Unha Galicia distinta, engadiu, porque a Unión Europea, ademais de facilitar cuantiosas axudas ao desenvolvemento, respaldou a cooperación transfronteiriza que se plasma na unión estratéxica da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.